O día 09/12/2019 tivo lugar a publicación do Decreto 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas. Unha das principais novidades da norma é o establecemento de plans de xestión de marisqueo de vixencia trianual, nos que xunto á planificación da explotación dos recursos, contémplanse aspectos de carácter medioambiental e socioeconómico ligados ao desenvolvemento do plan.
Coa publicación da Orde de 31 de decembro de 2020, pola que se aproba o Plan Xeral de explotación marisqueira para o trienio 2021-2023, apróbanse os primeiros plans de marisqueo para recursos xerais que terán vixencia durante tres anos (2021, 2022 e 2023).
As normas de extracción en zonas de libre marisqueo non sometidas a plan e os períodos autorizados para a extracción de crustáceos establecidos no Plan Xeral de explotación marisqueira para o trienio 2021-2023 terán validez durante os tres anos de vixencia do Plan xeral.
A Orde do 22 de decembro de 2021, pola que se aproban os plans de xestión para recursos específicos e algas en Galicia para o trienio 2022-2024, aproba os plans de xestión para recursos específicos e algas en Galicia que terán vixencia durante tres anos (2022, 2023 e 2024).
No Decreto 153/2019 do 21 de novembro, regúlase tamén a figura dos plans de xestión de nova incorporación, que as entidades poderán presentar para un período inferior a tres anos para recursos, ámbitos zonais ou útiles, equipos e técnicas de marisqueo regulamentarios, diferentes aos plans de xestión trianuais aprobados para un período, e que se poderán autorizar para determinar a viabilidade da explotación antes da súa aprobación como plan de xestión trianual. Deste xeito xunto ás fichas dos plans triaunuais de marisqueo xeral co inicio en 2021 e ás fichas de plans e recursos específicos con vixencia ata 2024, poderanse incluír fichas de plans de nova incorporación de recursos xerais con inicio de vixencia en 2022 e 2023 e fichas de plans de nova incorporación de recursos específicos con inicio de vixencia en 2023.