Anuario de acuicultura 2010



Acuicultura mariña


Xa temos nas nosas mans unha nova edición da compilación estatística que recolle o ronsel deixado e o rumbo que leva a actividade acuícola mariña en Galicia. Mais este traballo non é solo un mero compendio de datos, senón que constitúe un bo exemplo da coordinación entre sector e administración. Por iso se fai preciso e xusto agradecer esta colaboración e aplaudir a vontade de produtores e xestores de tender a man para acadar ferramentas útiles e proveitosas para ambas partes de cara ao futuro.

Porque este “Anuario da acuicultura 2010” supón dispor dunha importante base cuantitativa sobre a que sustentar e desenvolver estudios e análises económicas que determinen a evolución e estado da actividade, ao tempo que permite verificar que a liña de traballo establecida para o futuro se atopa ben trazada e asegura a viabilidade e sostibilidade do sector.

Neste sentido, os datos observados amosan que a tendencia comercial e de mercados nos permite ser certamente optimistas e que a promoción e difusión das bondades da produción acuícola están a dar resultados positivos, xa que o volume de vendas se atopa practicamente estable a pesar de rebaixarse as cifras globais de quilogramos de peixes e mariscos cultivados, dándose incluso unha suba nos prezos medios das dúas principais especies acuícolas producidas en Galicia.

Por iso se fai preciso seguir a traballar para apuntalar esta tendencia e inverter a amosada pola produción, de forma que siga a estela da liña ascendente que a actividade acuícola mantén no mundo. Para tal fin, e alén de promover a competitividade dos nosos produtos nos mercados, estase a desenvolver unha ampla labor que se iniciou coa adopción dos pasos conducentes á disposición dun Plan Director para a acuicultura en Galicia, que deberá ordenar e garantir o desenvolvemento dunha actividade acuícola sustentable ambiental, económica e socialmente. Do mesmo xeito, tamén se procedeu a declarar esta actividade de interese público de primeira orde para a nosa comunidade autónoma na busca da axilización e afirmación xurídica das iniciativas que no marco desta actividade son promovidas no noso litoral.

Sen dúbida, boa parte deste traballo e a orientación do mesmo parte dos datos aquí reflectidos e dos recollidos en edicións anteriores. Por iso agardamos que esta compilación sexa de novo un instrumento útil e proveitoso para seguir avanzando nunha actividade que foi clave no pasado, que o está a ser no presente e que o debe e vai a ser no futuro de Galicia.