Anuario de acuicultura 2011



Acuicultura mariña


Galicia, da man dun sector sempre puxante e da compaña dunha Administración decidida a traballar arreo neste eido, ten posto na acuicultura un acento a prol do desenvolvemento socioeconómico das zonas costeiras non urbanas. Este obxectivo, unido a un criterio de respecto pleno e de sustentabilidade da actividade en termos ambientais, sociais e económicos, é compartido coa liña que Europa lle quere imprimir a este sector produtivo, e podemos dicir que a nosa comunidade avanzou xa de cara á súa consecución.

Neste sentido, dispoñemos xa dunha planificación estratéxica ao xeito da ruta que a Unión Europea demandará na próxima política común de pesca para este ámbito produtivo, que abarca todos os espazos e áreas de traballo e desenvolvemento, e que nos converte na primeira rexión europea en dispoñer de tal ferramenta. Amais, xa temos en disposición os primeiros pasos do Plan director da acuicultura litoral, e están a ver a luz tamén outras accións coma a Guía de criterios de sustentabilidade e integración paisaxística dos establecementos de acuicultura litoral ou as disposicións normativas que complementan e articulan na práctica este camiño de impulso.

Mais este desexo de lle dar pulo á acuicultura non se fundamenta en algo etéreo. Galicia é a primeira rexión acuícola de Europa e unha das primeiras do mundo e o mantemento dese posto de privilexio, por canto ten de achega económica e social, é un reto que esta Administración se marcou. En consonancia, declarouse de interese público de primeira orde a acuicultura, o que derivou nun apoio público preferente a esta actividade, o que se reflicte, como vimos, nun marco máis áxil e afirmado xuridicamente, na continuidade da atención e do impulso á formación e aos labores de I+D+i e no fomento da integración dos produtos xerados nas cadeas comerciais e de transformación.

Pero de nada nos valería todo este esforzo normativo, administrativo, e mesmo produtivo, se non coñecemos as verdadeiras dimensións da nosa acuicultura. É este Anuario de acuicultura 2011 o que nos permite ver ás claras o volume produtivo e económico que este sector move en Galicia, e iso débeselle agradecer a quen fai posible que hoxe o poidamos manexar. Debemos, pois, manifestarlles a nosa gratitude por lle dar forma a este volume aos servizos técnicos da Secretaría Xeral do Mar e, como non, aos propios profesionais e organizacións do sector.

Porque a través del podemos observar como a liña de pulo que queremos imprimir está na boa dirección e como se suma a unha tendencia que reflicte que a acuicultura galega xa adoptou unha vía ascendente que nos levou a elevar a produción (nun 4,51%) e, sobre todo, o valor dos seus produtos (nun 8,43%). Neste sentido, é especialmente relevante o auxe que adquiriu un ámbito como o mitilicultor, xa que se revalorizou o volume económico xerado en máis dun 17%, a partir dunha suba de produción dun 5%.

Isto indícanos que os cultivos dotados de tradición seguen puxantes ao lado daqueles que poden complementar a nosa potencialidade produtiva, o que nos leva a pensar que non debemos deixar atrás calquera oportunidade de ampliar a capacidade de cultivo, e máis tendo en conta as condicións naturais que teñen, para o desenvolvemento deste sector, o noso contorno mariño, costeiro e interior.

Por todo isto, debemos agarrarnos a esta liña ascendente e facernos fortes nun espírito de avance que, entre a Administración e o propio sector, nos leve a manter e a afianzar ese posto punteiro que demostra, en cifras e un ano máis, este compendio estatístico.