Anuario de acuicultura 2015



Acuicultura mariña


Se unha persoa toma na man calquera estatística de forma desapaixonada terá sempre unha imaxe dunha realidade global, mais esta carecerá sempre de todos os matices que esa imaxe pode ter. Cando alguén que coñece o sector acuicultor galego toma os datos estatísticos da actividade que se desenvolve nos cultivos mariños na nosa comunidade, ten con el un firme elemento de certeza do que xa coñece: a súa potencialidade e importancia social e económica.

Amais, estes datos dannos hoxe tamén imaxe dunha tendencia positiva que a acuicultura galega, especialmente a mitilicultura, tomou desde hai dous anos, e que responde neste exercicio pasado cunha suba do 11% en produción e do 8,6% en facturación, números certamente positivos que dan testemuña desa potencialidade e importancia.

Mais eses montantes e porcentaxes quedarían sumamente fríos se non abordamos a causa e orixe desa fortaleza: o saber facer dos profesionais que cada día van á batea, aos parques de cultivo ou a unha planta piscícola e as cualidades excepcionais que a nosa costa ten para o desenvolvemento dos cultivos mariños.

Eses dous eixes son os piares da nosa capacidade produtiva e do seu futuro. Apostar por elas é, xa que logo, unha obriga que debe ser posta en marcha a cada paso e en cada acción da administración. Temos, pois, que posuír o mellor persoal e darlle a mellor formación e debemos manter as cualidades da nosa costa e previr o seu aproveitamento sostible. De aí que Galicia apostase por dotarse dun centro coma o IGAFA para o primeiro cometido e dunha medida xeral de saneamento da costa e das rías e de planificación da actividade en cada marco costeiro, xa sexa este en terra firme, na zona marítimo-terrestre ou no espazo marítimo.

Pero nun mundo cada vez máis complexo e interrelacionado é preciso facer apostas integrais, e a acuicultura foi obxecto dunha destas apostas, buscando a recuperación da puxanza da acuicultura na busca da mantenza da posición de liderado da nosa actividade en Europa. A aprobación da Estratexia Galega de Acuicultura en 2012 converteu á nosa comunidade na primeira de Europa en contar cunha ferramenta de planificación da acuicultura ata o ano 2030. Nela áchase o libro de ruta da nosa actividade, e o seu seguimento pode darnos a vía para manter ese liderado español e europeo.

Amais, a aposta pola mitilicultura, o gran piar da acuicultura galega e española e clave en moitas áreas costeiras galegas, foi unha constante que hoxe se reflicte en datos positivos. Reiniciar o cómputo dos períodos concesionais, sumar os apoios orzamentarios dispostos no seu favor, destinando á mitilicultura o 82% do montante global outorgado á acuicultura, e fortalecer a organización da súa representatividade a través da Comisión do Mexillón foron parte desa aposta.

Pero manter a tendencia positiva e atender ás ameazas e debilidades do noso sector acuicultor non é so tarefa de pasado e presente. Cómpre traballar coa vista no futuro. O remate da ampla planificación acuícola propugnada nestes anos e a consolidación da capacidade produtiva de Galicia neste eido teñen que ser o rumbo claro no que centrar a labor de apoio á acuicultura nos vindeiros anos. Asemade, seguir facendo da mitilicultura o piar sobre o que avanzar ten que ser unha constante cara ao futuro, orientando ao conxunto mexilloeiro galego no rumbo da competitividade e estabilidade.

Xa que logo, manter a tendencia á alza non é so unha tarefa orientada á estatística. É unha tarefa chea de matices e, sobre todo, de moito traballo e integración de vontades. Sector e administración deben ser parte desa integración. Seguir medrando e facelo de forma sostible e competitiva é o obxectivo. Os números que avalan a potencialidade están nesta publicación. Os do futuro da acuicultura de Galicia, nas nosas mans.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar