Acuicultura mariña
Si en 1946 fixesen unha predición acerca do futuro da produción daqueles primeiros artefactos destinados á cría de mexillón, ninguén, nin as persoas máis optimistas, sería capaces de albiscar a dimensión que esta actividade ten hoxe en Galicia. Desde aqueles tempos, marcados pola inventiva e a potencialidade, a actividade acuícola foi medrando de forma exponencial, aumentando cifras de produción e valor da mesma e tamén as especies criadas e os sectores relacionados con ela.
Inda que calquera habitante da nosa terra coñece esta importancia e non hai máis que ver a súa implicación socioeconómica ao longo da costa, é cando o poñemos en relación con España e Europa cando toma realmente forma ese potencial e volume. A acuicultura galega produce o 20% do total dos peixes e mariscos criados no marco europeo, e facturamos o 4,75% do total da UE. Aínda máis, si comparamos os termos con España, a nosa comunidade acada o 85% do total da produción e o 34% do seu valor.
Pero esta importancia relativa non debe significar que perdamos de vista dous elementos fundamentais: a necesidade de diminuír a brecha entre o volume producido e a facturación obtida e a potencialidade que esta actividade pode ter na nosa costa e nos nosos espazos fluviais. Necesitamos seguir medrando e facelo constantemente, como o vimos facendo, a grandes trazos, nos últimos 75 anos.
Aínda que en cifras económicas o 2016 nos deixou valores positivos, medrando a facturación nun 2,85% e acadando a terceira cifra máis importante desde que hai rexistros, e cunha produción un 5% por riba da media histórica, non debemos esquecer que o sometemento desta produción aos vaivéns que nos marca o mar é un factor a ter en conta, e que as correntes que nos dan a vida tamén nos traen, con certa frecuencia, costas arriba en forma de mareas vermellas onde deixamos parte dos folgos da nosa produción.
Por iso debemos seguir medrando, tendo en conta un crecemento dun 30% en facturación e volume nos últimos tres anos, facéndoo en termos seguros e baixo dúas premisas: a sostibilidade económica, social e ambiental da nosa actividade e a compatibilidade entre todas as actividades que se desenvolven nos nosos mares e costas, ao xeito das boas experiencias e exemplos dados noutros puntos de Europa. Isto é, debemos acadar en termos prácticos o economicamente denominado “óptimo de Pareto”, onde se acade potencial sostible das nosas actividades marítimo-pesqueiras.
Galicia quere seguir medrando e facelo de forma sostida e sostible. Hai poucos meses, o Comité das Rexións aprobaba, coa unanimidade dos seus membros, un ditame sobre o futuro da acuicultura no marco europeo e no que se definían os principais rumbos que debería seguir a produción europea para atallar o crecemento que están a experimentar os cultivos de peixes e mariscos a nivel mundial.
Galicia quere facer da súa acuicultura un referente nese camiño. Partindo dunhas condicións excelentes que nos fan ser líderes europeos en mitilicultura, e tendo en conta a preeminencia desta actividade, estamos poñendo pequenos chanzos que permitan seguir medrando. Feitos como a posta a cero das concesións e a ampliación das mesmas a 50 anos son un bo exemplo deses chanzos, como tamén o é a aposta económica no FEMP por esta actividade, seguindo o ronsel do pasado FEP, que destinou o 82% dos seus fondos á mitilicultura. Amais, outros factores conexos, coma a mellora da calidade das augas en 30 zonas de produción, cun beneficio palpable para 501 bateas, son máis apoios nese camiño.
Temos, por tanto, que seguir sumando entre todos para que este crecemento siga sendo unha constante imbuída no devir diario da nosa actividade. Temos que sumar especies compatibles a esa produción e incrementar as existentes. Temos que avanzar cara a unha mellor comercialización e obter máis valor engadido promovendo unha mellora na engranaxe da nosa cadea mar-industria. En definitiva: temos e debemos seguir vogando cara a mantenza dunha Galicia punteira na acuicultura española, europea e mundial.
Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Mar