Anuario de acuicultura 2017



Acuicultura mariña


Sen dúbida, calquera que bote unha ollada nunha publicación identificaría a situación da fotografía en Galicia se nesa imaxe saen bateas. Esa é hoxe a imaxe das nosas rías e esta identificación esténdese tamén a boa parte da nosa achega de produtos do mar.

Nada tería sentido sen a nosa acuicultura. Nada tería sido igual se esta actividade xa tradicional non tivese botado raíces nas nosas costas e rías. Nada. Nin social, nin económica, nin ambientalmente.

Pero esta hoxe tradicional actividade non se fixo nun só día. Desde que Diego Xelmirez, arcebispo compostelán, mandase construír e pór a andar un criadeiro de troitas en catividade no río Sar en 1129, nada deixou de medrar na nosa acuicultura. Mesmo demos saltos de xigante coma o que, con nove séculos de diferenza, nos levou a asentar os primeiros artefactos para o engorde de mexillón. Mesmo hoxe avanzamos nese campo con novas especies coma o abalón ou o linguado. Non paramos.

A nosa proa acuícola segue fendendo o mar a bo ritmo e con forza. A nosa produción non deixa de medrar e de recuperar o seu lugar no contexto europeo. Unha suba de máis do 11% no volume producido e dun 8% na facturación obtida é un fiel reflexo de que a nosa puxanza é un feito. Mesmo son os mellores datos, en ambos termos, da última década e atópanse no podio dos datos da serie histórica.

Temos pasos pendentes para que esa proa avance coa seguridade e coa forza que deriva do emprendemento. Sen dúbida, é tempo de poñer aspectos coma a comercialización ou a axilidade administrativa ao par doutros coma a formación ou a eficiencia no uso das achegas públicas para a mellora do sector.

Porque hoxe temos exemplos positivos para amosar ao mundo acuícola. O noso IGAFA é centro de referencia en España, pero tamén en Europa. 25 anos despois a escola de acuicultores sita na Illa de Arousa é capaz de formar persoas cuxos coñecementos se valoran en lugares tan afastados coma Australia ou Tailandia.

Mesmo o noso sector sabe facer do soporte do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca un trampolín para desenvolver proxectos que fan avanzar a produción polo camiño da mellora ambiental, económica e, sobre todo, laboral e social. Niso tamén somos un exemplo e debemos seguir séndoo.

Por iso debemos estender eses exemplos e aplicalos como motor noutros ámbitos. Hoxe a sona dos nosos produtos do mar chega tan lonxe coma chegan os técnicos formados no IGAFA. Hoxe a integridade das nosas paisaxes e contornas queda salvagardada coa mesma eficacia que empregamos eses fondos.

De aí que debamos avanzar na mellora da comercialización e na seguridade xurídica e axilidade administrativa coa mesma intensidade que avanzamos na produción. Esa será a nosa aposta e a do sector. Estamos seguros de que, coa colaboración e empeño dos homes e mulleres que cada día van á batea ou a unha planta piscícola, niso tamén seremos un exemplo.

Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar