Anuario de acuicultura 2018



Acuicultura mariña


A FAO sinala, entre os retos que temos como sociedade mundial, que a produción de alimentos deberá medrar ata liña de incremento do 70% para alimentar aos arredor de 9.000 millóns de persoas que se supón que estarán ou estaremos neste planeta aló polo 2050.

Neste reto, e incidindo sempre na importancia da achega de proteínas mariñas, a acuicultura sitúase coma un elemento clave na consecución dese obxectivo, toda vez que semella que as limitadas e cada vez máis explotadas reservas das poboacións de peixes e mariscos nos nosos océanos non serían quen de darlle abasto a esta necesidade crecente.

Todas as entidades internacionais e a inmensa parte dos gobernos con incidencia nesta actividade teñen sinalado a importancia de desenvolver esta fonte de alimento. O Vello Continente non é alleo a esta pretensión, que é auspiciada pola propia Unión Europea e que recollen todos os Estados membros, desde o norte ata os nosos veciños de Portugal, entusiastas con esta idea. Mesmo en España se sinala que este sector está chamado a desempeñar un papel fundamental no relanzamento social e económico de moitas zonas rurais e litorais.

Galicia non é allea a esta tendencia. Non o é agora nin o foi nunca. Aínda máis, sempre foi pioneira nunha produción que mesmo marca unha forma de entender a paisaxe e a economía das nosas rías e de moitas áreas de costa. Mais hai unha cuestión que Galicia non esqueceu nunca nesta liña histórica de relación coa acuicultura: a de entender que as cousas se deben facer ben. É dicir: sentidiño aplicado ao mar.

Así se entendeu cando o Comité das Rexións, no que se atopan presentes 350 entidades locais e rexionais europeas, aprobou por unanimidade o ditame que redactou Galicia sobre o futuro da acuicultura en Europa, logo de terlle encomendado á nosa administración a elaboración desta liña argumental que orientase esta actividade. Seguridade na produción e compatibilidade coas actividades extractivas foron as dúas premisas marcadas e ambas foron referendadas. Non era casual esa incorporación e ese referendo. Desde Galicia sempre entendemos que as ideas han de vir sustentadas en feitos, e neste caso ambos feitos se probaban de forma palpable na nosa actividade acuícola.

A seguridade na produción ven sendo desenvolvida por un saber facer dos nosos bateeiros e piscicultores, e reforzada por unha cadea de investigación e seguimento que ten os seus piares no INTECMAR, CIMA, universidades e centros privados. Mesmo existen estudos que ratifican esa capacidade de asunción e soporte sostible da actividade por parte do medio mariño das rías.

A compatibilidade entre acuicultura e prácticas pesqueiras e marisqueiras é outra liña firme da nosa actividade. Os feitos están aí. Pesca artesanal que se desenvolve ou mesmo medra no contorno das bateas e a coexistencia entre a primeira reserva pesqueira e a maior planta piscícola son imaxes desa compatibilidade. Mesmo somos capaces de amosar como a compenetración da pesca e da acuicultura nos mercados é plena, tendo como imaxe o incremento de prezo medio de peixes amplamente cultivados, coma o rodaballo e o linguado, que medran na súa valoración comercial tanto se son cultivados coma se son capturados.

Xa que logo, tendo por fío condutor estas liñas de traballo e sabedores da capacidade de xeración de emprego e economía, Galicia ten achegado apoio normativo, orzamentario e administrativo á acuicultura, destacando o que a mitilicultura, como elemento senlleiro e destacado da nosa actividade, ten recibido. Baste unha cifra: do montante global das axudas concedidas, un 75% foi parar ao sector mitilicultor.

Por todo isto vemos de forma positiva como esa aposta se transforma, da man insubstituíble e imprescindible dos profesionais da acuicultura galega, nunha suba das cifras da nosa produción, que medra en 2018 por riba do 3,5% tanto en volume coma en facturación. Amais, e nun apartado especial, contemplamos como ese aumento ven aparellado, no caso das principais especies, dun aumento do valor medio dos produtos, feito que secunda o ocorrido nos mercados da pesca extractiva.

Así que, con estas cifras e ese bo facer do sector so podemos dicir que, si para mariñeiros nós, para acuicultores, tamén!

Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar