Acuicultura mariña
Se preguntamos a calquera persoa europea polo liderado marítimo-pesqueiro no noso continente seguramente indicará a España como un dos puntos dese liderado. Se xa no noso país repetimos esa pregunta, orientarán á persoa interpelante cara a Galicia con maior seguridade aínda.
Certamente, se de algo sabemos na nosa comunidade autónoma é de mar. Sabemos pescar e, por que non dicilo, sabemos cultivar o noso mar. Aprendemos durante séculos e sumamos saber facer cada día, en cada porto, en cada batea ou en cada praia, xa desde que o Arcebispo Xelmírez iniciase os cultivos de troita alá polo século XII.
Son moitos anos de pasado, pero teñen que ser moitos anos de futuro. Así nolo demanda a sociedade, que ve, como ven as entidades e organismos internacionais, na acuicultura unha fonte de proteína alimenticia de primeira orde e de calidade contrastada.
Para ir cara ao futuro, como para ir a calquera parte, debemos saber ben onde estamos antes de trazar o rumbo. Galicia fixo o seu diagnóstico e posicionouse antes que calquera rexión europea e, da man da Estratexia Galega de Acuicultura empezou a traballar por reforzar a seguridade xurídica e a competitividade dos nosos sectores dos cultivos mariños, e de forma senlleira a mitilicultura.
Para tal fin debemos sumar esforzos entre sector profesional e administración, sen perder tampouco o empuxe que a investigación engade nesa suma. Estes datos que achegamos agora son un exemplo desa suma. Aquí está condensado o saber facer de cada unha das persoas que traballa nunha batea, nun parque de cultivo ou nunha planta piscícola. Aquí está sumado o traballo do Servizo de Análises e Rexistros e o do INTECMAR. Aquí está sumado o coñecemento que achega o CIMA e as persoas que desde as confrarías axudan a facer das praias un espazo máis produtivo.
Por iso, cando vemos estes datos ollamos a situación e evolución da nosa acuicultura, referendando a predominancia da produción xerada polo cultivo do mexillón e a puxanza en valor do rodaballo. No relativo á mitilicultura, vemos como os datos achegados levan ao ano 2019 por riba da media histórica tanto en produción como en vendas, aproximándose en ambos casos ao 10% de suba respecto desa liña anual. Porén, é palpable unha baixa relativa con respecto ao anoa anterior, marcada por unha suba dos episodios naturais de presenza de biotoxina e que levaron a que nesta anualidade se acadasen, en algunhas rías, ata un 50% máis de días de peche respecto do período anual anterior, con especial incidencia nos meses de alta extracción.
Xa que logo, para coñecer os matices e manter a imaxe completa á vez é preciso sumar, como vemos, o saber de múltiples campos e de diversas procedencias. Por iso queremos seguir ollando ao futuro baixo a perspectiva da suma de sector, administración e investigadores, porque sabemos que con esa tripla hélice teremos alternativas de competitividade para a nosa produción acuícola e a nosa área costeira seguirá mantendo nesta actividade unha baza de futuro ambientalmente respectuosa e social e economicamente sostible.
Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Mar