Anuario de acuicultura 2023



Acuicultura mariña


Galicia foi no pasado, é na actualidade e quere seguir a ser no futuro líder do sector marítimo-pesqueiro non so de España, senón no do conxunto do Vello Continente, de toda a Unión Europea. Somos a principal potencia na pesca extractiva e os primeiros, con moita diferencia, no cultivo de peixes e mariscos.

O pasado 2023 non foi un exercicio doado para parte da nosa acuicultura. Un ano que a finais do verán apuntaba a boas cifras de produción e facturación torcíase polas altas temperaturas da auga e por un outono de temporais e choivas incesantes, un dioivo que afectou seriamente á salinidade das augas e provocou unha masiva mortaldade nos bivalvos.

Tanto no sector produtor como na propia Xunta de Galicia tivemos claro, desde o primeiro minuto, que afrontabamos unha emerxencia, unha situación catastrófica que precisaba do apoio de todas as administracións, a autonómica por suposto, pero tamén a estatal e a europea. Así é porque temos presente que aquí sabemos cultivar o mar e queremos seguir facéndoo con garantías no futuro.

A acuicultura de Galicia constitúe unha fonte fundamental de proteína alimenticia de calidade contrastada que combina ese saber facer do sector, os esforzos conxuntos con esta administración e unha crecente colaboración cos organismos científicos da nosa comunidade, fundamentais á hora de contribuír a que a actividade sexa o máis resiliente posible no actual contexto de cambio climático. O labor do CIMA, o Intecmar e a Fundación Cetmar é cada vez máis importante e está mellor valorada non só polos profesionais do noso mar, senón polo conxunto da sociedade.

Na análise dos datos de 2023 as sombras concéntranse na maior parte dos cultivos de bivalvos, en especial nas ameixas fina e babosa, nos berberechos e no mexillón, o que propicia que as cifras finais da acuicultura galega se sitúen en negativo. Pola contra, a ameixa xapónica e a ostra plana melloraron produción e facturación. Tamén recolle este balance un novo récord histórico tanto en quilogramos como en valor no cultivo de rodaballo e linguado, e tamén as algas medran con forza en porcentaxe.

Coñecer a imaxe fiel en materia de datos da nosa acuicultura durante o ano pasado que se plasma neste anuario é fundamental para debuxar os escenarios de futuro que pretendemos acadar. Un porvir no que desde a Xunta aspiramos a que a pesca e a acuicultura continúen a ser prioritarios e predominantes no noso litoral, libres de inxerencias externas e no que a colaboración entre a cadea mar-industria, a administración e os organismos científicos nos permitan sentar as bases dunha prosperidade na que se equilibre o respecto ambiental coa sustentabilidade social e económica.

Alfonso Villares Bermúdez

Conselleiro do Mar