Acuicultura mariña
A nosa comunidade ten un estreito vínculo co mar forxado por xeracións que entenderon o noso mar como esa gran despensa de alimentos extraordinarios que conforman hoxe unha parte moi importante da nosa gastronomía. Un traballo e bo facer que converteu a Galicia na principal rexión pesqueira de España e de Europa, con moita diferencia, tanto na pesca extractiva como no ámbito da acuicultura, na que o mexillón é o gran protagonista xunto con outros produtos que nos últimos anos manteñen unha tendencia ascendente como é o caso dos peixes planos co rodaballo ou o linguado á cabeza.
O sector atravesa un momento complexo con retos importantes no horizonte como son os efectos do cambio climático e a súa transformación para afondar na sostibilidade e competitividade. Un camiño que debemos transitar unidos, apoiándonos na ciencia a través dos nosos centros de investigación para atopar respostas e solucións eficaces aos retos actuais e que nos permitan garantir o futuro dunha actividade estratéxica para a nosa economía e, á vez, consolidar a nosa posición de referentes a nivel internacional.
O 2024 estivo marcado polas consecuencias dun 2023 que foi pechado cun outono no que vivimos episodios de precipitacións extraordinarias que tiveron un gran impacto na salinidade das augas o que provocou unha elevada taxa de mortaldade de bivalvos. Con todo, unha vez máis o sector soubo repoñerse deste golpe, mellorando a facturación en máis dun 6% ata os 247 millóns de euros.
Desde a Xunta somos conscientes que aínda temos labor por diante para recuperar cifras anteriores en especies relevantes como a ameixa fina, xaponesa, babosa ou o berberecho. Nese obxectivo traballamos, da man do sector, no marco do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 2024-2025 dotado con 123 millóns de euros que recolle liñas de axuda e o desenvolvemento de actuacións pensadas no presente e sobre todo no futuro da actividade marisqueira tan senlleira na nosa comunidade.
Unha tarefa na que resulta esencial coñecer con exactitude os a realidade do sector traducida en datos concretos como os que amosa este anuario. Unha información que resulta imprescindible para impulsar unha xestión realista e acertada dos nosos recursos mariños.
Galicia conta cun potencial enorme no desenvolvemento da industria acuícola que está chamada o gañar unha maior relevancia no subministro de alimentos a nivel global. Así o reflexou o informe Sofia da Organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) que sinalaba que no 2024, e por primeira vez, a produción acuícola superou á pesca de captura. Deste xeito, esta actividade reforza o seu papel como fonte fundamental de proteína alimenticia de calidade. Unha oportunidade que temos a responsabilidade de aproveitar para seguir facendo deste sector un sinónimo de xeración de riqueza e emprego.
Alfonso Villares
Conselleiro do Mar