Acuicultura continental
A acuicultura continental, que involucra o cultivo de peixes en augas de ríos, lagos ou embalses, ten un papel destacado na produción de alimentos, a seguridade alimentaria, a conservación de especies, a xeración de emprego e o desenvolvemento económico. Os datos así o demostran. Máis do 62% do peixe de acuicultura no planeta se cultiva en auga doce e a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, máis coñecida polas súas siglas en inglés, a FAO, sitúa a súa produción anual por riba dos 50 millóns de toneladas.
Malia que o sector acusou a entrada na Unión Europea dos países do leste, España segue a producir en torno ao 9% da troita arco da vella da UE e, dentro do país, Galicia ronda o 15% da produción nacional. Factores como a orografía e o clima fan que sexamos un lugar axeitado para a súa implantación e o seu desenvolvemento.
Estamos ante unha actividade cun efecto dinamizador da economía local, preferentemente para as zonas rurais que, ademais, é fonte de proteínas naturais de alta calidade nutricional e con baixo impacto ambiental e que cumpre os parámetros establecidos para ser garantía de sustentabilidade.
Por elo, ter presenza por primeira vez neste anuario é unha oportunidade que enfocamos como un recurso extraordinario, xa que contribúe a dar visibilidade a un sector importante para Galicia que, ademais, proporciona alimentos de alto valor para a saúde; dous dos piares que centran boa parte da nosa acción política e da xestión administrativa da Consellería do Mar.
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar da Xunta de Galicia