Anuario de pesca 2008



Especies


Neste capítulo preséntanse os resultados das especies máis representativas en función da cantidades vendidas e dos ingresos xerados.

Nas listaxes existe a coincidencia de quince especies. Se se toma como referencia a variable de cantidades, entre as especies seleccionadas, quince correspóndense con peixes, tres con cefalópodos e dúas con bivalvos. Esta situación varía se a referencia é a variable importes; así, trece correspóndense con peixes, catro con bivalvos, dúas con crustáceos e unha con cefalópodos.

No listado das especies con maior facturación, as cinco especies co mellor prezo medio anual son mariscos; tres bivalvos: ameixa fina (CTG), ameixa babosa (CTS) e ameixa xaponesa (CLJ), e dous crustáceos: percebe (PCB) e cigala (NEP).

En dezaseis especies prodúcese un descenso do prezo medio con respecto ao ano 2007; entre estas especies en once casos orixínase un descenso dos ingresos.

AGRUPAMENTO DE ESPECIES SEGUNDO AS CANTIDADES VENDIDAS

A pescada (HKE) ocupa o primeiro posto por cantidades grazas ao importante aumento de máis dun 20% con respecto ao ano 2007, ademais de continuar a tendencia á alza que presentou durante os últimos anos. No mes de maio case se alcanzan o tres millóns de quilos e, a partir do mes de xullo, superáronse os dous millóns e medio de quilos mensuais.

En segundo lugar atópase o xurelo (HOM), que alcanza os mellores resultados no período de xullo a outubro, onde a media mensual está por riba dos tres millóns de quilos.

A xarda (MAC), a sardiña (PIL) e o lirio (WHB) ocupan as seguintes prazas na prelación, superando os doce millóns de quilos anuais. No caso do lirio, destaca o resultado de xuño, onde apenas se superan os cen mil quilos de produto vendido. Esta situación coincide co paro da frota que tivo lugar durante este mes.

AGRUPAMENTO DE ESPECIES SEGUNDO OS IMPORTES XERADOS

No ano 2008, a pescada (HKE) tamén ocupa o primeiro lugar, situación debida ao aumento das cantidades, xa que o prezo medio deste peixe descendeu 0,41 € con respecto ao prezo medio alcanzado en 2007, mais o importe total xerado aumenta nun 8,83%, moi por debaixo do incremento en quilogramos, que foi do 20,96%.

A continuación atopamos os rapantes (LEZ) e o peixe sapo (ANK). Nas dúas especies cae o prezo medio respecto ao ano 2007.

As catro especies de bivalvos sitúanse entre as dez primeiras, e na ameixa babosa repercute de xeito importante a baixada do prezo medio anual, sendo a única das catro especies que obtén peores resultados que o ano anterior. De entre estes catro bivalvos, destaca a posición alcanzada pola ameixa xaponesa (CLJ), que aumenta as cantidades comercializadas e tamén o seu prezo medio anual, que se incrementa en 0,42 € por quilo.

Entre os crustáceos, tanto o percebe (PCB) como a cigala (NEP) vense afectadas pola caída na cantidade de produto posto á venda, así como por un moi lixeiro descenso no prezo medio anual.

Finalmente, cómpre salientar o aumento das cantidades vendidas de polbo (OCC), que en cambio cae 0,14 € no seu prezo medio anual, xerando 15,8 millóns de euros de negocio para todo o ano 2008.