Anuario de pesca 2009



Acuicultura mariña


Durante o ano 2009 a produción da acuicultura mariña en Galicia incrementouse en máis de 34.333.682 Tm con respecto ao ano 2008, superando así mesmo os valores alcanzados para 2007; non obstante, non hai un incremento parello nos ingresos xerados pola actividade, que practicamente non presentan variación con respecto ao ano anterior e seguen sendo inferiores aos de 2007. Esta circunstancia vén determinada polo comportamento do grupo biolóxico dos bivalvos, pois a pesar de ter incrementado un17% a cantidade de quilos comercializados, experimenta un descenso do 8% nos importes facturados. No resto de grupos biolóxicos, soamente os peixes amosan unha produción crecente e cun valor económico en alza. Algas e cefalópodos, pola contra, diminúen a súa produción de xeito significativo, mais dado que a súa importancia no balance global é insignificante, apenas teñen influencia nos resultados totais.

Como xa é tradición, o cultivo do mexillón destaca por riba das outras actividades da acuicultura, representa o 95% do total das cantidades producidas con 225.000 Tm, situándose preto da media de produción anual do decenio 2000-2009. Cómpre destacar que 2009 non estivo afectado de xeito importante polas mareas vermellas, o que permitiu aos produtores realizar unha actividade máis regular, sen grandes paradas no proceso da colleita cara á comercialización. O reparto da produción por destino segue a tendencia do ano anterior, así o 61,69% do mexillón comercializouse con destino ao fresco, en tanto que o 38,31% restante tivo como destino a industria. Ata 2007 a produción de mexillón tiña un reparto de 2/3 industria e 1/3 para fresco; neste ano prodúcese un cambio, pasando a un reparto do 50, mais nestes dous últimos anos preséntase un cambio nos costumes da produción, diminuíndo de xeito importante a produción con destino á industria e realizándose maiores vendas con destino a fresco.

Por outra, banda prodúcese un abaratamento no prezo medio do mexillón, que descende 0,07 euros por quilo no produto destinado a fresco e 0,01 euro no produto destinado a industria, o prezo medio anual do mexillón descende 0,05 euros o que representa un 11,55% con respecto a 2008. Os ingresos procedentes da actividade superan os 88 millóns de euros, o que representa un incremento do 5,45% sobre os valores do ano anterior.

Polo que respecta ás outras especies de bivalvos, tanto as ameixas como o berberecho diminúen considerablemente a súa produción. Débese destacar o descenso do berberecho, o comportamento irregular da produción desta especie vén sendo recollida na evolución dos últimos anos; así, se temos en conta o comportamento das capturas procedentes dos bancos naturais do contorno dos parques de Carril, detéctase unha caída similar.

En canto á ostricultura, destaca o incremento na produción de ostra rizada, pero cunha lixeira caída no seu prezo medio; ao contrario do que sucede para a ostra plana que mellora a súa cotización e presenta un lixeiro aumento na produción.

No grupo dos peixes débense destacar tres situacións: a primeira é a preponderancia do rodaballo como principal protagonista da acuicultura de peixes; a segunda é a consolidación da produción de linguado e ollomol; e a terceira a presenza de novas experiencias cos salmónidos, especies que tiñan desaparecido como obxectivo da acuicultura mariña en Galicia.

O rodaballo incrementa a súa produción anual, continuando o seu ritmo de crecemento dos últimos anos e superando a barreira das 7.000 Tm. Este incremento de produción viuse acompañado dun aumento do prezo medio con respecto ao ano 2008 de 0,80 euros por quilo, situándose claramente por riba dos sete euros, e como consecuencia xerando un volume de negocio de máis de 56 millón de euros, que representa un terzo do total de facturación da acuicultura mariña en Galicia.