Anuario de pesca 2009



Información xeográfica


Neste capítulo a información é presentada en dous niveis: a nivel provincial e a nivel das zonas administrativas de distribución da actividade pesqueira e marisqueira.

O número de lonxas incluídas en cada agrupamento non é idéntico, nin as lonxas ou centros de venda teñen unha actividade comercial semellante, de aí que non se poidan comparar os resultados; a información sobre as lonxas con maior actividade inclúese no capítulo 4.

Con respecto ás publicacións de anos anteriores, realizouse a agrupación das lonxas emprazadas no mesmo porto pesqueiro, consolidando a información histórica de xeito consecuente cos criterios de agrupamento.

Información por provincias:

Na provincia de Lugo están emprazadas 6 lonxas, mais a principal actividade económica concéntrase nas lonxas de Burela e Celeiro que recollen o 99,85% dos quilos vendidos nesta provincia que se reparten entre a pescada, o xurelo, o lirio, a xarda, castañeta e o bonito do norte.

Na provincia de Pontevedra están emprazados 21 lonxas e centros de venda, destaca de especialmente a lonxa do porto de Vigo onde se concentran o 75,70% do total de quilos vendidos nas provincia. Despois existe un grupo de catro lonxas, situadas na ría de Arousa, que superan o 5 millóns de euros de facturación; outro grupo de 11 lonxas que facturan entre 1 millón e 5 millóns de euros, e finalmente un grupo de 5 lonxas que facturan por baixo do millón de euros. As especies que se comercializan en maior cantidade son peixes como os rapantes, a xarda pintada, o mendo limón, a pescada e o peixe sapo, procedentes da flota de altura, seguidas por especies peláxicas como a sardiña, a xarda e o xurelo. Cobran especial importancia os bivalvos como o berberecho, ameixa xaponesa, ameixa fina e ameixa babosa, que son a base da actividade do marisqueo a pé e do marisqueo desde embarcación, actividades moi relevantes nas tres rías da provincia.

Na provincia da Coruña están emprazadas 34 lonxas, que van desde Rianxo, na zona norte da ría de Arousa, ata O Barqueiro. Esta provincia acumula preto do 50% do total de quilos vendidos en Galicia; non obstante presenta o prezo medio por produtos máis baixo das tres demarcacións. As lonxas de Ribeira e do porto da Coruña acumulan o 77,43% dos quilos totais da provincia. O xurelo, a pescada, o lirio, a xarda, a sardiña e a xarda pintada son as especies que acumulan a maior parte dos quilos vendidos nesta provincia.

Información por zonas administrativas:

Zona I - Vigo: as cantidades de peixes e mariscos vendidos nesta ría superan as 40 mil toneladas, mellorando os resultados do ano anterior, pero, tal como se vén recollendo ao longo deste, libro hai unha retracción nos ingresos que diminúen nun 3,70%.

Zona II - Pontevedra: prodúcese un descenso tanto nas cantidades como nos euros facturados. Esta situación detéctase nas lonxas de Portonovo, Bueu e o porto de Marín; pola contra, a lonxa de Campelo mellora os seus resultados con respecto a 2008.

Zona III - Arousa: fortemente influenciada pola actividade da lonxa de Ribeira, esta zona mellora nas cantidades en máis dun 16%, feito que non se recolle nos ingresos, que descenden en máis de 6 millóns de euros. Esta caída de ingresos está presenten en todas as lonxas, agás Ribeira.

Zona IV - Muros: nesta ría acontece unha caída tanto en euros facturados como en quilos postos á venda. Ningunha das catro lonxas situadas en Muros escapa ao efecto da caída, sobresaíndo de xeito especial a lonxa de Noia cun descenso de 3,8 millóns de euros.

Zona V - Fisterra: a situación do contorno non varía nesta zona e para o ano 2009 recóllense descensos en cantidades e importes.

Zona VI - Costa da Morte: nesta zona a actividade comercial concéntrase na lonxas de Camariñas e na lonxa de Malpica que acumulan o 93,43%. A maior parte destas vendas están compostas por especies peláxicas como a sardiña, o xurelo e a xarda pintada.

Zona VII - Coruña-Ferrol: mellora en máis dun 30% as cantidades comercializadas na zona, pero isto non se reflicte nos importes facturados, que caen por riba do 8%. A forte influencia de Lonja de La Coruña S.A., marca o comportamento da zona VII. Se ademais se ten en conta que hai un descenso no prezo medio de 1,05€/quilo inflúen de xeito importante na caída dos ingresos.

Zona VIII - Cedeira: as tres lonxas situadas nesta zona presentan descenso en cantidades e importes. O descenso máis acusado dáse na lonxa de Cedeira, xa que no caso de Espasante, dado o seu escaso peso, aínda que a caída é de máis do 50% en cantidade, apenas é representativa para o comportamento conxunto das tres lonxas.

Zona IX - A Mariña: as lonxas de Burela e Celeiro suman o 99,84% do total de cantidades vendidas nesta zona. Convén destacar que no resto das lonxas o prezo medio dos produtos pesqueiros é moi superior aos das lonxas anteriormente citadas, e, ademais, en 2009 incrementáronse de xeito apreciable con respecto aos prezos medios do ano 2008.