Anuario de pesca 2010



Presentación


Xa van alá oito anos e este anuario de pesca segue a marcar un fito importante do devir da actividade marítimo – pesqueira galega. Esta publicación constitúe un referente en canto a que é a mostra palpable e un exercicio de exemplificación cuantitativa do valor cualitativo das prácticas extractivas e de cultivos mariños que milleiros de galegas e galegos desempeñan ao longo do ano aplicando o seu esforzo e o seu saber facer.

É, amais, un referente da transparencia e claridade coa que queremos transmitir a potencialidade e valía do sector marítimo – pesqueiro. Mesmo hai tempo que fomos máis alá e quixemos afianzar e ampliar esta transparencia, entendendo a mesma coma unha oportunidade e nunca coma un risco e postulando que debe presidir a acción económica do eido pesqueiro, marisqueiro e acuícola. Para fixar esta postura puxemos en marcha unha plataforma (www.pescadegalicia.com) que soporta e achega case en tempo real a marcha do sector e da súa actividade.

Con estas iniciativas, a que nos ocupa e a plataforma, queremos acadar dous obxectivos básicos. Por un lado, acercar un punto de referencia de cara á análise e o estudo da nosa actividade en termos socioeconómicos, a través dos datos do valor dos produtos, e ambientais, polos da cantidade descargada. Por outro, estimamos que ambas fórmulas nos axudan a reflectir a importancia da pesca en Galicia, de xeito que a consideración do mar e das actividades ligadas a el como algo esencial na nosa terra pasen a ter valor numérico.

Namentres avanzamos para acadar estes obxectivos imos tamén afianzando a valía das ferramentas de cuantificación co sustento sobre elas de argumentos e opinións que nos achegan a posibilidade de traballar para dar claridade e solución a moitos dos problemas que axexan á nosa actividade. Os recortes de TAC e cotas ou a necesidade de plasmar a diferenciación da nosa pesca de baixura e do noso marisqueo no marco decisorio europeo atopan neste elemento estatístico o sustento necesario para tentar frear unhas propostas e afianzar outras.

A maiores, estas ferramentas permítennos avaliar día a día e ano a ano a evolución da actividade, de maneira que temos o mellor compás económico para ver o rumbo das posibilidades actuais e futuras da nosa pesca, do noso marisqueo e da nosa acuicultura. Así, observando as cifras obtidas o pasado ano non podemos máis que ser optimistas, aínda dentro da difícil situación, xa que os datos obtidos sublíñannos un repunte do valor das descargas nun 4% e o incremento do prezo medio dos produtos do mar por riba do 13%. Esta suba de cifras achéganos unha dose de ilusión polo mar, e ínstanos a seguir traballando a prol do futuro deste sector co queremos traballar en coordinación e colaboración na liña de esforzo decidido que aplican por conseguilo.

E para mostra da positividade desta labor en común temos esta publicación, que é froito da conxugación das dúas partes fundamentais destas ferramentas estatísticas e que son aportadas desde dúas orixes: desde unha beira temos a achega dos datos desde o sector; desde a outra, achamos o traballo de compilación e análise que realizan os servizos técnicos da Consellería do Mar. Esa combinación conforma o entrabado que sustenta este traballo, e amosa as claras que vogar xuntos, sector e administración, permite chegar a bo porto.

Sigamos vogando neste rumbo para o proveito da nosa pesca, do noso marisqueo e da nosa acuicultura, e, como non, de todos aqueles que, coma vostede, empregan esta ferramenta que aquí lle achegamos.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar