Presentación
A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica pon un ano máis a disposición do Sector o Anuario de Pesca de Galicia, unha ferramenta imprescindible para a toma de decisións dos profesionais do mar no curto e medio prazo.
Nestas mesmas páxinas do prólogo do ano pasado falábamos da importancia de pór o acento, non só no volume de capturas que ven limitado polas institucións europeas, se non que deberíamos centrar os esforzos na valorización e na mellora da comercialización dun produto de calidade incuestionable, para facer máis rendibles e viables as empresas pesqueiras mantendo a sostibilidade dos recursos.
Pois ben, da análise do balance de capturas ao longo do 2015 podemos extraer unha serie de indicadores relevantes, positivos e na liña do indicado. Así, na comparativa do ano 2015 respecto do anterior, observamos que aínda que as capturas de peixes e mariscos se reduciron nun 4%, o valor económico das mesmas medrou preto do 6%, unha proba da mellor valorización dos produtos do mar, que debe ser obxectivo permanente para velar polo mantemento dos recursos.
Estes datos son, en si mesmos, unha ferramenta fundamental e de valiosa importancia. Son, en definitiva, a proba da dimensión social e económica da nosa pesca e do noso marisqueo e, con eles, plásmase unha vitalidade da actividade e unha tendencia que recolle o volume de Galicia na faceta extractiva do eido marítimo-pesqueiro.
Sen dúbida, e como a propia Unión Europea recoñece, ata o de agora non houbo suficiente atención a estas dúas dimensións, xa que o protagonismo da pesca e do marisqueo o levaba a dimensión ambiental. Ás veces víamos como o recorte dos peixes levaba por diante aos pescadores sen posibilidade de volta atrás. A este respecto, Galicia fixo un gran esforzo adecuando a súa frota e actividade ás posibilidades de pesca, sendo importante o axuste da nosa frota nos últimos trinta anos.
Por iso apostamos na nova Política Común de Pesca por poñer en equilibrio de importancia aos tres aspectos das pesquerías: ambiental, social e económico (sen peixes non hai pescadores nin valor, pero sen pescadores non hai valor e dá o mesmo ter peixes). Este termo logrouse e é un dos aspectos dos que aplaudimos nesta reforma.
Por iso, e seguindo esta mesma liña, aplaudimos tamén a dotación económica que o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca fai para a recollida de datos e poñemos de relevo tamén a extensión desta vontade á formulación do regulamento do Parlamento Europeo e do Consello relativo ao establecemento dun marco da Unión para a recompilación, xestión e uso dos datos do sector pesqueiro e o apoio ao asesoramento científico en relación coa Política Pesqueira Común.
Para a Consellería do Mar é importante ter bos datos, en coherencia co obxectivo de igualdade entre as tres dimensións da pesca e coa importancia dos aspectos sociolaborais e económicos. Por iso temos realizado un importante esforzo na súa recollida e análise, entendendo que é importante recoller datos pero sen frear, dificultar ou interromper a normal actividade da frota e dos pescadores. Ademais, entendemos que é importante recoller datos pero sen engadir máis burocracia para a frota e os mariñeiros, quen, entre labores de control e seguimento e o normal desenvolvemento e cumprimento da administración empresarial, poderían chegar á saturación normativa sen acadar este importante obxectivo. Por último, entendemos que é tamén importante recoller datos pero tamén axilizar a súa sistematización e análise, para evitar que as decisións dispoñan da mellor e máis actualizada información -> de nada nos vale decidir de cara a 2017 con datos recollidos en 2013.
Pero si importante é a recollida e a análise, o verdadeiramente crucial é onde aplicar eses datos. A tarefa clave na que estes datos teñen o seu protagonismo é a propia xestión e ordenación pesqueira ou, máis en concreto, a xestión das augas interiores, de competencia exclusiva da Comunidade Autónoma segundo o marco constitucional español. Deste xeito, na pesca esta información xera unha capacidade de análise e decisión de importancia de artes e rendementos, especialmente para determinar plans de recuperación ou xestión ou para verificar resultados das medidas adoptadas: nécora, polbo, etcétera. No marisqueo, esta compilación estatística promove unha capacidade de analizar rendementos e volumes de recurso que nos permitan analizar capacidade extractiva ou traducido, determinar o número de mariscadoras e volumes de extracción.
Máis non tería sentido recollelos, sistematizalos, analizalos, empregalos de forma interna … e deixalos esquecidos nun caixón. Por iso, e desde 1997, a Xunta de Galicia recolle, compila, sistematiza e ofrece os datos que calquera pode ver a través do portal www.pescadegalicia.gal. Xa que logo, poñer este volume na pantalla dun ordenador ten detrás moito traballo de pescadores, mariscadoras, funcionarios, informáticos... e trae consigo un valor fundamental que reside na capacidade de dar cumprida medida do noso sector en termos económicos e tamén nos vinculados entre esta dimensión e a ambiental.
Agora quedan a disposición de todos vostedes para darlle continuidade a esa medida e á súa importancia. Desde este prólogo vaia, pois, o agradecemento por darlle difusión e aproveitamento e por canto esta divulgación teña de proveito para a nosa actividade pesqueira e marisqueira.
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar