Introdución
Diariamente na Plataforma Tecnolóxica da Pesca (PTP) realízase unha actualización e primeira validación dos datos de primeira venda dos produtos pesqueiros que se reciben das lonxas galegas e que permite a súa publicación provisional no apartado correspondente da PTP https://www.pescadegalicia.gal/estadisticas/ .
Posteriormente, ao longo do ano realízase un traballo de revisión e validación destas transmisións que implica unha fluída comunicación co persoal das lonxas para a súa consolidación definitiva. Rematada esta fase, procédese á confección do anuario mediante a construción das diferentes táboas de datos e realización dos gráficos asociados.
O Anuario de Pesca constitúe a culminación de todo ese traballo realizado durante o ano e serve como medio de difusión dos principais datos estatísticos da primeira venda de produtos pesqueiros frescos que é realizada anualmente nas lonxas galegas. Nesta publicación recóllense os datos das operacións de venda levadas a cabo nas lonxas galegas durante o ano 2018 e que representan máis de catro millóns de transaccións comerciais.
Con esta publicación dáse cumprimento á operación estatística 3203-01-OE05 Estatística de primeira venda de produtos pesqueiros frescos que aparece recollida no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o 20191.
Estrutura da publicación
A publicación estrutúrase en catro capítulos, xunto co prólogo, a introdución e un último capítulo de anexos.
No capítulo 1 preséntanse os datos para os diferentes grupos biolóxicos: algas, moluscos bivalvos, moluscos cefalópodos, moluscos gasterópodos, crustáceos, equinodermos, peixes, poliquetos e o resto das descargas. Ofrécese a posibilidade de desagregar os datos desde o ámbito xeral de grupo biolóxico ata o nivel de detalle de especie a medida que se profunda no capítulo. Ademais, combínase a visión por grupo biolóxico coa visión temporal da información.
O capítulo 2 recolle a información sobre a distribución xeográfica das vendas con dúas visións principais: por provincias e por zonas administrativas de produción, estas poden consultarse no anexo I da publicación. En ámbolos dous preséntase a información de cada zona xeográfica detallada por grupos biolóxicos e lonxas onde se producen as vendas. Deste xeito poden compararse as especificidades de cada zona con relación aos grupos de especies comercializadas.
A situación das especies de maior representatividade comercial trátase no capítulo 3, onde se establece unha clasificación segundo o volume comercializado en quilogramos e o valor en euros das vendas. Para cada unha das principais especies preséntanse unha ficha individualizada coas vendas por zona administrativa, evolución anual das vendas e principais lonxas con vendas.
O capítulo 4 céntrase nas lonxas como centros de venda autorizados co obxecto de focalizar a importancia da súa actividade, así como as especies que se comercializan a través delas. Para isto, establécese unha clasificación en función do volume comercializado e o valor das vendas de cada lonxa, e preséntase unha ficha de cada lonxa coa principal información.
Principais resultados
Ao longo do período de xaneiro a decembro de 2018, nas lonxas e centros de venda de Galicia comercializáronse máis de 174 mil toneladas de produtos da pesca que supuxeron unha facturación de case 491 millóns de euros.
Comparando os resultados do período xaneiro a decembro de 2018 con información de exercicios anteriores, obsérvase os bos resultados acadados: