Anuario de pesca 2021



Presentación


O exercicio anual 2021 deixounos unha estela de leccións aprendidas, que teñen na resiliencia do sector pesqueiro ao seu protagonista. Unha resiliencia debida á capacidade dos milleiros de homes e mulleres que, preservando os elementos básicos da súa actividade, tiveron na capacidade de adaptación aos cambios transformadores das últimas décadas a súa fortaleza para afrontar os obstáculos atopados na travesía deste ano.

Galicia deu cumprida resposta a unha sociedade que demandou máis produtos do mar durante os anos da pandemia e que seguiu a dar pasos adiante, dándolle un espazo relevante ao valor nutricional saudable e á explotación sustentable que os produtos do mar teñen.

Galicia sabe amar foi máis que unha campaña de promoción dos produtos extraídos do noso mar, foi unha reivindicación da querencia polo noso medio mariño. Unha identificación de Galicia co seu mar, un todo indivisible, no que xa non hai nin un galego que non pense na súa terra sen pensar nos produtos do seu mar.

Continuamos a desenvolver as leccións aprendidas, recoñecendo a valía das novas fórmulas de traballo adoptadas de forma inminente como a xeración de ciclos curtos de produción, a reinvención das cadeas de loxística e subministración ou a actividade comercial nas redes dixitais, nas que xa nos movemos con tanta mestría como coas de pesca.

Pero se unha lección importante aprendemos foi a de ter na pesca ao auténtico motor da economía galega. Un axente esencial, tamén no gastronómico e no coidado sostible dos nosos recursos, que está a ser a consciencia e a conciencia de Galicia. A consciencia que mira a un futuro que se debuxa con singulares trazos de presente, de pequenas accións sustentadas na base de saber que, como e cando debo consumir os produtos do mar; e a conciencia cívica que atopou no sector pesqueiro ao seu grande aliado, a quen coidou dela facilitándolle o elemento clave dunha alimentación adecuada, saudable e sostible.

Un motor económico que, aínda baixo o condicionamento das altas presións derivadas da alerta sanitaria pola Covid-19, funcionou á perfección, ata acadar un prezo medio de 3,2 euros o quilo nas descargas, sendo a mellor cotización media de toda a serie histórica, que se remonta a 1997.

Un elemento esencial e expansivo que mellorou a súa facturación no cómputo global das lonxas galegas nun 3% con respecto a 2020, chegando aos preto de 425 millóns de euros, malia o descenso de preto do 12% no volume de descargas, que aínda así estivo próximo ás 133.000 toneladas. Dous datos que reflicten unha evolución máis que significativa no ámbito da comercialización dos produtos do mar, e que tiveron como eixos aos grupos dos peixes e dos bivalvos, cunha facturación de máis de 290 millóns de euros no primeiro e máis de 74 millóns de euros no segundo, representando respectivamente o 68% e o 17% da facturación total.

Prácticas pesqueiras responsables e un compromiso robusto coa sociedade, que favoreceu a prosperidade do sector nun ano moi complexo, no que as tensións foron resoltas con moita dedicación e esforzo e ante as que o sector deu conta da súa xenerosidade, e á que os galegos contestaron cunha ampla confianza, e pola que debemos deixar constancia do noso agradecemento máis senlleiro neste prólogo; por isto e por afianzar que Galicia siga sabendo a mar.

Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar