Presentación
A plataforma www.pescadegalicia constitúe o auténtico diario de a bordo do noso sector pesqueiro rexistrando desde fai máis de dúas décadas a produción pesqueira da nosa comunidade. Deste xeito, recóllese un exercicio de control dos millóns de transaccións que se rexistran anualmente nas nosas lonxas, de transparencia e divulgación, xa que toda esa información recompilada está a disposición da sociedade ofrecendo datos actualizados relativos á facturación, ás zonas produtivas ou ás especies que son comercializadas nos distintos puntos de venda, entre outras. Unha ferramenta moderna que permite realizar buscas, organizar a información e presentala de xeito atractivo e gráfico sendo útil, ademais, no desenvolvemento dunha xestión pesqueira sustentada nos datos e no coñecemento para acadar un sector competitivo e sostible mediante a explotación responsable dos recursos mariños.
O 2024 foi un ano complexo no que o sector tivo que enfrontar importantes desafíos. Por un lado, o marco normativo comunitario e un reparto das posibilidades de pesca que agardamos mellorar nesta nova lexislatura das institucións da Unión Europea, xa cun comisario específico de Pesca e Océanos. Por outro lado, a pegada do Cambio Climático nos fenómenos meteorolóxicos e nos nosos océanos é outro factor que está a condicionar a produtividade da actividade pesqueira na nosa comunidade e á que estamos facendo fronte da man da mellor ciencia. Así, temos activos diversos proxectos en colaboración cos centros de investigación mariña e universidades galegas para procurar e deseñar medidas e accións concretas e efectivas que permitan mitigar o impacto de aquelas variables que inflúen negativamente na produción dos nosos recursos pesqueiros.
Con todo, a pesca galega ten demostrado o seu bo facer e resiliencia ante as dificultades, consolidando o liderado de Galicia como a maior rexión pesqueira do continente. Así, as 65 lonxas galegas comercializaron máis de 102 mil toneladas de preto de 300 especies de peixe, bivalvos, cefalópodos, crustáceos, ou equinodermos entre outras cun valor no mercado de 382 millóns de euros. Unha actividade, a marítimo pesqueira, que resulta estratéxica para a nosa comunidade xa que representa ao redor do 5% do PIB galego.
Un peso que é froito do traballo e entrega da nosa xente do mar que precisan que redobremos o noso compromiso no labor de avanzar na competitividade do conxunto da cadea mar-industria, apoiando a súa transformación, aproveitando os avances tecnolóxicos e impulsando a innovación e a investigación para afondar nunha maior sostibilidade e rendibilidade económica sobre as cales garantir o mellor futuro para o sector.
Unha travesía ambiciosa para a cal contamos co mellor barco de todos, Galicia, que ten nas súas rías un auténtico tesouro natural e fonte de riqueza único a nivel mundial. Ademais, dispoñemos dunha tripulación experimentada, herdeiros dun coñecemento transmitido xeración tras xeración de homes e mulleres que fixeron do noso mar a súa vocación e o seu medio de vida. E así afrontamos a travesía co rumbo firme, conscientes de que polo camiño atoparemos temporais, pero decididos e tendo claro que xuntos levaremos á pesca galega cara o mañá que merece.
Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar