Rexistro de Buques Pesqueiros 2009



Prólogo


Esta edición do Rexistro de buques pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 representa a continuidade dun labor de seguimento da situación da frota galega e a súa evolución durante estes últimos anos.

Todos os organismos das administracións autonómicas, nacionais e internacionais dedican un importante esforzo en manter actualizados os datos das frotas que actúan dentro do seu ámbito territorial. A Consellería do Mar, sempre próxima aos principais actores implicados na pesca, os mariñeiros, pon en marcha protocolos e novas ideas para que a información dos buques estea permanentemente actualizada e se lles presente aos interesados unha fotografía diaria da configuración das frotas que teñen as localidades costeiras de Galicia como porto base.

Dentro das liñas de implantación de novas tecnoloxías adaptadas ao sector pesqueiro, a expansión ao longo do ano 2009 das ferramentas para declarar a alternancia a todos os portos galegos serviu de impulso para a actualización dos datos existentes neste rexistro, conseguíndose unha substancial mellora da información dispoñible. Proximamente facilitarase este proceso implantando terminais nos portos que lles permitan aos mariñeiros declarar esta alternancia en calquera momento dos 365 días do ano.

Esta axilización na xestión e rexistro dos datos servirá tamén, sen dúbida, para afianzar o nexo de unión entre o traballo do sector e da Administración neste ámbito, e permitirá tirar conclusións e información actualizada que redundará na mellor e máis rápida toma de decisións e recollida de información.

Así pois, poñemos á disposición do sector marítimo-pesqueiro e do público en xeral esta útil ferramenta que agardamos que permita achegar vantaxes ao traballo diario e que repercuta nunha maior proximidade do mundo do mar á sociedade.

A conselleira do Mar
Rosa María Quintana Carballo