Rexistro de Buques Pesqueiros 2011



Prólogo


Acorde coa liña de incremento da disposición de información e mellora do coñecemento para a toma de decisións, a administración autonómica galega e o seu persoal vén de facer de novo un importante esforzo para contar con datos estatísticos que reflictan o estado actual e a tendencia da nosa actividade marítimo – pesqueira, neste caso a través dun dos apartados máis importantes para desenvolvela como é a estrutura da flota pesqueira.

Este traballo non é un paso máis nesta liña, senón que se revela, atendendo á tendencia que se albiscaba hai tempo e para a que traballabamos, como unha ferramenta clave para atender procesos e retos de alta relevancia para o noso sector. Sen dubida, estes instrumentos e a experiencia acumulada na súa elaboración dannos un plus de capacidade de superación. Neste senso, estes retos plásmanse en procedementos coma a regularización da flota ou a definición, no seo da nova Política Común de Pesca, de conceptos coma a actividade pesqueira de carácter costeiro e artesanal vinculado aos tamaños e tipoloxías de embarcacións.

Por iso é importante saber cal é o diagnóstico cuantitativo que nos permita acompañar o cualitativo da actividade, é dicir, saber cantas embarcacións e con que parámetros traballan os nosos profesionais do mar, aqueles que xeran riqueza e emprego na nosa zona costeira.

Galicia, da man da administración, ten nesta publicación unha ferramenta para atender de forma solvente estes obxectivos. Pero neste traballo contamos cun aliado fundamental, o sector, que fai uso daquelas ligazóns que, a través das novas utilidades tecnolóxicas, permiten saber en tempo real as operacións administrativas máis usuais, coma os cambios na alternancia de artes ou as descargas e vendas de produtos frescos.

Este elemento de unión entre sector e administración permiten dotar de axilidade no proceso de información ao tempo que facilitan as operacións loxísticas da pesca e do marisqueo, asegurando tamén o necesario e obrigado control e seguimento. É, por tanto, unha ferramenta á disposición de todas as partes que se integran na súa constitución, xa sexan profesionais, administradores ou investigadores. Con ela formamos, asemade, unha peza fundamental da web www.pescadegalicia.com, que constitúe a gran plataforma tecnolóxica e formativa do sector marítimo – pesqueiro galego e na que, un ano máis, se dispón esta publicación que resume a evolución do Rexistro de Buques pesqueiros de Galicia na anualidade precedente.

Esta plataforma e esta publicación están ao dispor da cidadanía, e iso é grazas a un esforzo fundamental: o do persoal que consolida esta información e a dos profesionais que día a día empregan as ferramentas vinculadas á mesma, como son os terminais TICPESC. Para todas e todos eles, por achegarnos a base sobre a que conformar esta publicación e a información nela contida, vaia o noso agradecemento.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar