Rexistro de Buques Pesqueiros 2014



Prólogo


Con 4.500 buques pesqueiros e máis de 1.250 unidades dedicadas á acuicultura, a Comunidade Autónoma de Galicia continúa liderando a frota española e comunitaria. A foto fixa de 2014 que recolle esta publicación constata a importancia do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola neses contextos do Estado e da Unión Europea.

Unha frota que no último lustro experimentou unha notable transformación, con grandes esforzos por parte dos profesionais e administracións, para adaptarse ás novas esixencias comunitarias e prepararse para a chegada da nova Política Común Pesqueira (PCP).

Mellor eficiencia e menor impacto ambiental e máis seguridade a bordo foron algúns dos resultados obtidos na procura de facer a nosa frota máis moderna e competitiva ante o novo escenario que se abría. Nos últimos cinco anos os investimentos destinados á modernización e adaptación da nosa frota superaron os 125 M€, e iso débese contabilizar como elemento cualitativo en favor da nosa frota, namentres que este rexistro de buques, hoxe en forma de publicación, constitúe unha referencia cuantitativa e supón unha peza clave para a consecución dos obxectivos desta Administración no referente á mellora da comercialización e a trazabilidade duns produtos pesqueiros e marisqueiros que gozan do recoñecemento dos mercados.

Un lustro, en definitiva, de importantes esforzos para a mellora da nosa frota, coa introdución de novos medios e modernas técnicas que facilitan o traballo a bordo, con máis e mellores dispositivos de seguridade para as tripulacións, pero tamén de acondicionamento e desenvolvemento de novas técnicas de conservación dos produtos a bordo que, unidas ao avance na dotación de infraestruturas portuarias e modernas lonxas, serven para contribuír á mellora da competitividade.

Xa que logo, espero que a edición do Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia correspondente ao ano 2014 sexa de utilidade para todos os profesionais do sector, así como para os cidadáns en xeral, e que siga servindo como elemento central á hora de acreditar a importancia socioeconómica do sector da pesca e o marisqueo para Galicia nos distintos foros nos que temos que defender e reforzar esta actividade produtiva.

Por iso quero agradecer os esforzos realizados polo Servizo de Análise e Rexistro da Secretaria Xeral da Consellería do Medio Rural e do Mar, por reunir nesta publicación unha información de interese sobre o censo, as características e capacidade dos buques, caladoiros, portos bases e demais aspectos que lle afectan á nosa flota, dun xeito áxil e sinxelo e accesible a todos os internautas, facendo que os buques galegos que navegan polas augas de todos os océanos do mundo o fagan tamén polos horizontes infindos da Internet.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar