Prólogo
Cando en 2009 se propuxo desde Galicia a necesidade de asegurar unha actividade marítimo-pesqueira en termos de equilibrio entre os aspectos ambientais, sociais e económicos non se estaba a xerar so unha declaración sobre o espírito que debía presidir a Política Común de Pesca.
Para calquera persoa que se dedique ao mar, esa tese é máis ca un lema e lévao gravado no seu propio entendemento da actividade que realice, xa que conservar os recursos mariños e coidar o medio son a mellor fórmula para manter o emprego, e non hai emprego sen medios económicos, xa sexan barcos, bateas ou mesmo bancos marisqueiros.
Hoxe vemos como este espírito vai tomando forma e consolidándose, con vaivéns e retos, e como se plasma no relativo aos buques pesqueiros que teñen porto base na nosa comunidade. Sabemos que no plano ambiental temos unha boa renda, xa que as especies e zonas nas que pescamos gozan de boa saúde, e no plano social temos unha estabilidade que trocou a liña descendente en emprego.
Pero si peixes e emprego se pode reconducir, sempre temos advertido que os barcos que se van non volven, e por iso os termos económicos da actividade deberan estar garantidos se queremos que siga habendo pesca en Galicia.
Non deberíamos tomar as frías cifras de forma directa e sen análise, senón que, de cara a unha correcta interpretación, habería que peneirar os datos para verificar o impacto do proceso de regularización ou simplemente un cambio de porto base de buques de gran porte, como é o caso dos atuneiros cerqueiros conxeladores.
Indo máis alá, se xunguimos as cifras que nos van dando os planos sociais e ambientais, e os axuntamos ao rumbo que toman o sector en termos de ordenación, temos imaxes coma o que nos reflicte o bo comportamento da frota de Gran Sol, que mesmo medra logo dunha mellora das súas cotas. Amais, vemos como a regulamentación do noso caladoiro Cantábrico e Noroeste trae bos rexistros no cerco, que ascende en buques, arqueo e potencia, e como temos un conxunto de buques de artes menores que obtén un axuste moi positivo respecto á media. Por último, tamén vemos como o correcto seguimento das normas das organizacións rexionais de pesca traen boa evolución para o palangre de superficie, que goza de estabilidade na suma dos barcos que pescan en augas nacionais e internacionais.
Xa que logo, debemos seguir avante porque o mundo pesqueiro, coma o propio mar, está sempre a mudar as súas circunstancias. Temos diante de nós retos e desafíos, pero para afrontalos conviría seguir aplicando o mesmo sistema de equilibrio: futuro para o recurso, futuro para os pescadores, futuro para os barcos. Sigamos ese rumbo.
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar