Rexistro de Buques Pesqueiros 2020



Prólogo


Certamente é unha constante repetida a expresión que sinalamos sobre esta publicación por canto nos dá a foto fixa da nosa frota cada final de ano. Ao igual que nos pasa ás persoas, o conxunto dos barcos que teñen porto base en Galicia tamén cambian, e estas publicacións, elaboradas co traballo inestimable do persoal da Consellería do Mar, dannos unha imaxe que exemplifica de forma perfecta a súa evolución.

Do mesmo xeito que si nos situamos nun porto e vemos como os barcos foron modificándose, cambiando formas, equipamentos e dimensións, a foto deste ano tamén nos deixa esa imaxe de evolución. A case imperceptible baixa do seu número é compensada de xeito importante pola suba nas cifras de arqueo e potencia propulsora, que medran por riba do 3% e que desequilibran o fiel da balanza cara a unha posición de incremento.

Amais, xunto coa liña de equilibrio que a frota ven marcando nos últimos anos, nos que se frea a súa caída, temos tamén a posibilidade de ver como se comporta cada peza desta estrutura xeral. Así, a frota do arrastre de litoral volve a estar entre as que máis se axustan, e a das augas do Gran Sol é, por contra, a que máis se expande, facendo seguimento da liña de mellora xeral do caladoiro e da súa rendibilidade.

Por iso, con esta publicación podemos ver tamén como foi a evolución con respecto a outros factores coma cotas e ordenación da actividade, e prever como vai a ser en función dos condicionantes que pola proa da actividade pesqueira se presentan.

Por tal motivo, a incerteza que sobre o acceso ás augas británicas trae o brexit pode marcar a evolución desa frota que faena nos caladoiros comunitarios non españois, e o axuste das cotas no Cantábrico e Noroeste terá segura replica no devir do conxunto das frotas deste espazo.

Con tal motivo, e atendendo a que os barcos son medios de traballo e parte da estrutura económica da actividade, debemos ver sempre que son parte das cifras visibles desta dimensión e que non son alleas ao contexto que marcan outros aspectos coma o ambiental.

Teñamos, pois, esta publicación coma unha parte fundamental para avaliar e definir a xestión e ordenación das diferentes pesquerías e empreguémola coma unha ferramenta para mellorar e avanzar nesas cuestións, porque ese é o obxectivo e a razón deste traballo que entre sector e administración realizamos.


Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Mar