Rexistro de Buques Pesqueiros 2021



Prólogo


Certamente, o axuste das frotas pesqueiras e do número de embarcacións é unha tendencia a nivel mundial e ten relación, sobre todo, coa fixación de plans de xestión destinados a salvagardar a sustentabilidade da pesca na maioría dos caladoiros, integrando tamén decisións empresariais dos propios armadores.

Sen embargo, esta evolución non ten que implicar unha caída das capturas, do persoal embarcado nin da facturación do sector. A última enquisa Ocupesca da Consellería do Mar mostra que a poboación ocupada na pesca extractiva aumentou un 3% entre 2015 e 2019, e que que a facturación medrou de forma xeral ata acadar un 22% máis ca en 2010, o que eleva os ingresos medios por tripulante nun 53% desde ese ano.

Esta evolución insire nela unha manchea de variables, entre as cales están a do nivel de cotas, a aplicación de normativas de xestión e ordenación ou a propia incidencia de cuestións de relevancia social coma o da pandemia que estamos a vivir.

Pero entre todas elas tamén está a solución e a liña de traballo que debe levar a frear esa caída no número de buques, cuestión fundamental posto que son a base da estrutura produtiva e que, a diferencia doutras actividades, leva consigo que a desaparición dunha soa unidade sexa irreversible.

Por iso, desde 2009 estamos a afrontar esta dimensión da frota desde unha visión con múltiples ópticas, sabendo que calquera axuste de menor entidade é sempre un avance. Por iso, pese a acometer un proceso de regularización de importante magnitude, podemos dicir que o freo nesa baixada foi botado, rebaixando nun 80% a cifra de buques que saen do rexistro desde 2015 con respecto a 2009.

Pero si ese freo é importante, reverter a situación e o rumbo da evolución é moito máis importante. Nesa tese podemos apuntar cuestións coma as acontecidas neste ano, onde se dá un aumento global nas medias das características da flota, é dicir: eslora, arqueo e potencia propulsora.

Indo máis alá, vemos como ese aumento se exemplifica en segmentos de flota de gran importancia, coma a do Gran Sol, onde o número de buques medra nun 1,39%, máis a cifra da potencia propulsora elévase ata o 5%. Incluso a frota do caladoiro Nacional Cantábrico e Noroeste tamén medra en arqueo e potencia media de cada unidade.

Estas cifras veñen a corroborar a liña que mantén a frota galega desde 2019, xa que se produce un aumento do 2,6% en arqueo e do 3,8% na potencia propulsora dos buques, o que exemplifica que a estrutura da frota se dirixe cara a buques de maior porte e motor.

A este respecto, esta liña está baseada tamén nun claro posicionamento que leva a demandar barcos máis seguros e habitables, cuestión que solo se consigue dispoñendo de espazo e potencia. Por iso, dada a súa importancia, esta tese está incorporada dentro das claves da postura de Galicia de cara á revisión da Política Común de Pesca, e atópase incluída na necesaria viraxe cara á potenciación dos aspectos sociais, onde dispor de mellores lugares de traballo, neste caso os barcos, semella fundamental.

Esta mellora da frota e a súa sostibilidade para chegar a ese avance social da actividade esixe de seguir traballando en moitas frontes, xa sexa na disposición de posibilidades de pesca, da formación de persoal cualificado que asegure o relevo xeracional ou na propia estruturación da ordenación da frota, na que é clave a normativa básica do Estado que se atopa en marcha para a súa reforma.

Todo é necesario para seguir contando cuns barcos competitivos na pesca e sostibles ambientalmente, que sexan seguros e dotados de boa habitabilidade para as tripulacións e que poidan levar o mellor rumbo para a actividade marítimo-pesqueira de Galicia.


Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Mar