Rexistro de Buques Pesqueiros 2022



Prólogo


Galicia é a principal potencia pesqueira europea e a súa frota un referente internacional que ten demostrado nos últimos anos unha inmensa capacidade de adaptación ás numerosas dificultades que se presentaron no desenvolvemento da súa actividade. Estamos ante un sector resiliente que superou con éxito novas normas como a obriga de desembarque de todas as capturas, cambios políticos como a saída do Reino Unido da Unión Europea ou circunstancias excepcionais como as derivadas da alerta sanitaria mundial pola covid-19.

A frota galega mantén certo equilibrio nos últimos exercicios malia eses desafíos -aos que se engaden os presentes, como o encarecemento dos combustibles, e futuros- ata o punto de que o Rexistro de Buques 2022 reflicte que nalgúns caladoiros incluso se incrementa o número de embarcacións -fundamentalmente nas pesqueiras internacionais- mentres que noutros -principalmente nas artes menores do caladoiro nacional- se produce a perda dalgunhas unidades.

As máis de 4.200 embarcacións coas que conta Galicia na actualidade, que empregan múltiples artes para a captura de moi diferentes especies, mostran a diversidade e riqueza do sector do mar da comunidade e deberían servir para que todas as autoridades competentes en materia pesqueira fosen conscientes da importancia socioeconómica da pesca para Galicia, España e Europa. Unha relevancia que conflúe co transcendental papel de poñer a disposición da cidadanía proteína mariña da máxima calidade e garantir a soberanía alimentaria, o que contribúe a ter hábitos saudables e unha esperanza de vida máis alta.

A incorporación de novos barcos aos censos galegos de palangre de superficie e cerco en augas internacionais é un claro exemplo de que boa parte do sector pesqueiro ve futuro nesta actividade e que pode ser perfectamente rendible se pode traballar con normalidade, sen atrancos imprevistos e inxustificados.

A frota galega está a realizar unha pesca responsable en todos os mares nos que faena e, por iso, a maioría das especies que captura atópanse nun estado biolóxico óptimo, en niveis de rendemento máximo sustentable. De feito, as melloras nas posibilidades de pesca rexistradas recentemente son, nada máis e nada menos, que o froito do esforzo realizado nestes anos.

Non obstante, a frota galega está a ver no seu futuro nubarróns xerados artificialmente, sen argumentos que os xustifiquen, como o veto á pesca de fondo aprobado o ano pasado e que complica gravemente a actividade do palangre de fondo de augas comunitarias. Son temporais difíciles de capear, semellantes aos que se sofren no mar, pero que desde Galicia estamos decididos a superar como fixemos no pasado.

O sector é consciente do seu potencial e do efecto arrastre que ten no conxunto da economía, pero botamos en falta unha conciencia global da importancia que ten no eido laboral, no que cada embarcación pesqueira se traduce en numerosos empregos tanto no mar como en terra. Por iso, desde Galicia sempre defendemos -lonxe de limitar aínda máis a actividade- a necesidade de impulsar a renovación da frota e de implantar melloras a bordo co obxectivo favorecer a habitabilidade e que a pesca poida ser atractiva para a xente nova. É vital potenciar os aspectos sociais na Política Pesqueira Común e avanzar no seu equilibrio coas cuestións medioambientais para velar pola sustentabilidade da actividade.

A frota, un dos piares do complexo mar-industria galego, ten un importante pasado, un presente non exento de dificultades, pero tamén moito futuro, especialmente se todos remamos na mesma dirección.


Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Mar