Prólogo
O sector marítimo-pesqueiro ten un valor fundamental para Galicia. Se tivésemos que definir un trazo diferencial da economía galega sobre a europea, este sería a importancia na nosa economía da pesca, do marisqueo e da acuicultura, ao que habería que engadir a importante cadea mar-industria. Unha actividade estratéxica que fai da nosa frota un referente internacional que ten demostrado nos últimos anos a súa capacidade de adaptación ás numerosas dificultades que se presentaron no seu desenvolvemento, nun momento complexo no que a inflación recuperou un papel preponderante nos problemas que afectan á nosa economía. Entre as causas que o motivaron: a ruptura das cadeas de subministro provocadas pola Covid-19 e as corentenas que seguiron, e a invasión a Ucraína por Rusia, que xerou un shock nos mercados enerxéticos mundiais.
Asemade, a frota galega tamén está a ver como os plans da Comisión Europea veñen a truncar o seu futuro, ao restrinxir nos vindeiros anos o emprego de determinadas artes de pesca como o arrastre, o cal se engade ao veto á pesca de fondo aprobado o pasado ano. Medidas totalmente arbitrarias e desproporcionadas, sen argumentos que as xustifiquen e sen avaliar convenientemente as súas consecuencias. Un temporal moi difícil de capear, pero que reforza o carácter de resiliencia que define á nosa frota.
Resilente, responsable e sostible... e para que así continúe, cómpre seguir traballando en moitas frontes: na disposición de posibilidades de pesca, tendo en conta que a maioría das especies que captura se atopan en niveis de rendemento máximo sostible; na formación de persoal cualificado que asegure o relevo xeracional; na estruturación da ordenación da frota; ou na disposición de barcos competitivos, seguros e de boa habitabilidade para as tripulacións.
As preto de 4.200 embarcacións que conforman a base da estrutura produtiva do mar de Galicia empregan múltiples artes para a captura de moi diferentes especies; unha evidencia da diversidade do sector, do seu potencial e do efecto arrastre que ten no conxunto da economía, xa que cada unidade, como medio de traballo, se traduce na xeración de emprego tanto no mar como na terra.
É por iso que Galicia sempre defendeu a necesidade de implantar melloras a bordo para favorecer a súa habitabilidade co obxectivo de facer da pesca unha actividade atractiva para a xente nova; cuestión que abordamos ao solicitar na revisión da Política Común de Pesca, a súa viraxe cara á potenciación dos aspectos sociais, onde dispor de máis espazo para ter mellores lugares de traballo, neste caso nos barcos, semella fundamental.
Esta publicación, elaborada grazas ao traballo do persoal da Consellería do Mar, dannos a imaxe que exemplifica o estado da nosa flota cada final de ano; unha parte das cifras visibles da actividade. Mostra, neste exercicio, a liña de equilibrio que a frota ven marcando nos últimos anos, pese á perda dalgunhas unidades, e ofrécenos a posibilidade de ver como se comporta cada peza da estrutura produtiva do mar de Galicia.
Temos nesta publicación unha ferramenta fundamental para avaliar e definir a xestión e a ordenación das diferentes pesquerías; na que apoiarnos para trazar o noso único obxectivo: o mellor rumbo para a actividade marítimo-pesqueira de Galicia.
Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar