Rexistro de Buques Pesqueiros 2024



Prólogo


A nosa comunidade na súa condición de principal rexión pesqueira de Europa é referente a nivel global pola profesionalidade e saber facer da nosa xente do mar. Unha labor perfeccionada xeración tras xeración que deixou como resultado unha cadea mar-industria robusta, resiliente e competitiva. Un sector que superou nos últimos anos importantes dificultades como foron as provocadas pola saída de Reino Unido da Unión Europea, a crise sanitaria mundial pola covid-19, as dificultades pola elevada inflación provocada pola Guerra de Ucraína ou os efectos do cambio climático. Dificultades que tamén coñece a nosa frota, espallada por todo o mundo e composta por preto de 4.200 embarcacións, que faenan máis alá das adversidades climatolóxicas para levar aos mercados o mellor produto. Unha tarefa que realizan baixo os máis exixentes estándares medioambientais procurando unha utilización sostible dos recursos mariños.

O traballo e dedicación dos nosos profesionais do mar representa ao redor do 5% da economía de Galicia e preto de 50.000 empregos. Cifras que amosan a importancia dunha actividade estratéxica que forma parte da nosa identidade cultural e que da forma ao noso modo de vida en todas as poboacións asentadas nos nosos máis de 1.600 quilómetros de costa. É a nosa obriga continuar este legado e traballar a favor dun sector especialmente condicionado polas políticas comunitarias onde se toman decisións trascendentais como a asignación de TAC e cotas, o deseño e execución da Política Pesqueira Común, ou as políticas comerciais fronte a terceiros países de onde provén o 60% do peixe que se consume en todo o continente. Un aspecto, este último, de especial trascendencia que nos obriga a reinvindicar a pesca como fonte sostible de alimentos esencial para garantir a soberanía alimentaria de toda Europa. Así o facemos participando como coadxunvantes no recurso ante a xustiza europea contra o veto á pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico.

Ao carón do sector, desde a Consellería do Mar seguimos traballando en avanzar cara unha valorización dos nosos produtos, na transformación da nosa cadea mar-industria cara modelos máis eficientes e competitivos, innovando no deseño dos produtos e mellorando na súa comercialización procurando novos mercados e dando resposta as novas e máis exixentes necesidades dos consumidores. Todo, sen esquecer a formación de calidade nos nosos centros cos que garantir a remuda xeracional como máxima expresión de que a pesca galega, no só ten pasado e presente, senón que tamén ten futuro. Unha liña de traballo na que destaca, de igual modo, os apoios autonómicos dirixidos a mellorar os nosos buques, con melloras na habitabilidade, na seguridade e nas condicións de traballo das triuplacións dando como resultado unha frota máis competitiva e moderna.

Esta publicación ofrece, da man dos excelentes profesionais que compoñen a Consellería do Mar, unha imaxe que amosa ao final de cada ano a situación actual da frota galega e das cifras que deixa a súa actividade. Aquí podemos atopar información relativa ás características da actividade como artes empregadas, zonas xeográficas de pesca, capacidade de pesca (CV) ou a capacidade de almacenamento (GT). Unha valiosísima fonte de información que serve como instrumento básico para o coñecemento da realidade e a evolución da frota pesqueira da nosa comunidade ofrecendo unha ferramenta máis ás Administracións Públicas na súa toma de decisións.

Unha xestión pesqueira que en Galicia conta cun modelo propio presidido pola cogobernanza e a participación directa dos profesionais na toma de decisións. Temos o mellor barco e tripulación para facer fronte a unha nova singladura que navegue cara unha pesca sostible, rendible, competitiva e sobre todo, con futuro.


Alfonso Villares
Conselleiro do Mar