Anuario de pesca 2008



Acuicultura mariña


A produción de acuicultura mariña en Galicia durante o ano 2008 é inferior en termos globais á do ano anterior. Este descenso hai que atribuílo exclusivamente á caída de produción do grupo biolóxico dos bivalvos, pois os demais grupos (algas, cefalópodos e peixes) presentan cifras superiores ás de 2007 en canto a cantidades vendidas, aínda que o grupo dos peixes sofre un descenso na facturación debido á diminución do seu prezo medio.

Durante o ano 2008, atendendo ao disposto no Real decreto 607/2006, continuouse o proceso iniciado o ano anterior de cambio no protocolo de obtención de datos, de tal xeito que na actualidade todos os establecementos de acuicultura transmiten as súas estatísticas de produción mensualmente e para cada un dos establecementos individualizados. Esta circunstancia resulta especialmente influente nos resultados da produción ostrícola, que experimentan notables cambios con respecto a exercicios anteriores.

A especie máis representativa da acuicultura en Galicia, o mexillón, volve sufrir unha diminución na súa produción, situándose por debaixo das 200.000 t. Este feito vén influído polo conflito que viviu este sector a finais do verán pasado, cunha paralización case total da comercialización destinada á industria nos meses de agosto e setembro, sobre todo. É precisamente a produción destinada á industria, cunha caída do 34%, a que determina este descenso, pois a produción destinada ao consumo en fresco mesmo experimentou un aumento do 15%.

Outras especies de bivalvos, como a ameixa babosa e o berberecho, presentan un importante aumento de produción que ten o seu correspondente paralelismo co incremento nas vendas nas lonxa da ría de Arousa, e en particular no caso da ameixa babosa prodúcese un aumento de vendas na lonxa de Carril similar aos resultados de produción estimados para o conxunto de parques que se localizan na desembocadura do río Ulla. Paralelamente, a información recollida polo Servizo de Produción Pesqueira sobre a actividade das depuradoras galegas tamén reflicte un importante aumento de compras de ameixa babosa con orixe en Galicia para o período de 2008.

A diminución na produción de ostra plana e rizada, como xa se apuntou anteriormente, pode estar influída en parte polos cambios nos criterios metodolóxicos de recollida de datos, aceptándose como produción soamente as declaracións de produción comercial; así mesmo, o feito de obter unha información individualizada de cada establecemento por mes tamén obrigou a variar os procesos de estimación de datos, empregando factores de menor orde para calcular os resultados.

A produción de rodaballo, especie de referencia da piscicultura mariña en Galicia, presenta un aumento importante nas cantidades vendidas, superando por primeira vez as 6.000 t, e un descenso significativo nos ingresos xerados, que se pode atribuír a factores de mercado (oferta-demanda) nun contexto xeral de menor nivel de consumo nunha situación de crise económica. Durante o ano 2008, introducíronse en Galicia con destino a engorde nas granxas mariñas un total de 5.822.233 alevíns de rodaballo, cun peso total de 104.562 kg.