Anuario de pesca 2008



Introdución


Entre os obxectivos instrumentais do Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 20091, figura que se desenvolverán as actividades necesarias para asegurar a calidade e conexión do sistema estatístico cos usuarios; entre outras, a divulgación axeitada da información estatística de carácter oficial. Dentro desta liña de divulgación, vénse realizando o Anuario de pesca e acuicultura, recoñecido polo IGE como actividade AE402 Anuario de pesca.

Esta sexta edición presenta unha serie de modificacións orientadas a diminuír o consumo de papel e o custo ambiental das producións escritas; así, esta edición vese reducida nun sesenta por cento en canto ao número de páxinas que forman este libro; pero a información de detalle é presentada nun soporte informático que permite ofrecer todas as táboas e gráficos mediante un deseño realizado para os navegadores web máis empregados polos usuarios/as. A maiores, toda a información que forma parte dos anuarios de pesca pode ser consultada e descargada no punto de publicacións que se mostra en www.pescadegalicia.com.

Como sucedeu na edición de 2007, tiveron lugar actualizacións tanto das denominacións comerciais das especies pesqueiras vendidas nas lonxas galegas como a desaparición dalgún establecemento comercial. Isto débese ter en conta á hora de enlazar as diferentes anualidades, posto que estes cambios poden afectar aos datos que se presentan no punto de estatísticas de www.pescadegalicia.com, onde se intenta por todos os medios que non existan lagoas que poidan dificultar o seguimento dos resultados da venda de produtos pesqueiros en Galicia.

Para contactar co servizo responsable do mantemento dos datos estatísticos á hora de resolver posibles dúbidas debidas aos cambios que se producen nas sucesivas publicacións, está á disposición dos usuarios o enderezo electrónico spp@xunta.es.

A estrutura desta edición é a mesma que a de anteriores anos:

I.- Pesca fresca: onde se recollen todos os datos das notas de venda transmitidas polas lonxas ou centros de primeira venda autorizados en Galicia, que se agrupan nos seguintes capítulos:

Para todos estes capítulos, no libro preséntanse as táboas máis xenéricas, e no soporte informático, aquelas táboas de detalle e de evolución de resultados.

II.- Acuicultura: en canto a esta actividade produtiva con orixe nas nosas costas, durante o ano 2008 tiveron lugar una serie de situacións que afectaron de xeito directo aos valores de produción e que serán analizadas neste capítulo.

Por outra banda, o continuo esforzo realizado por poñer en funcionamento os criterios de recollida mensual dos datos de produción dos establecementos, regulados no Real decreto 607/20062 obriga a pensar en novos procedementos metodolóxicos que para algunha especie representan cambios importantes nos valores anuais, presentándose unha ruptura nas series que cómpre ter en conta ao analizar os resultados no tempo.

Coa publicación deste anuario dáselle cumprimento ao establecido no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, procedendo á divulgación dos resultados estatísticos das operacións 32201 Estatísticas da primeira venda de produtos pesqueiros frescos e 32202 Estatísticas de produción de acuicultura mariña.

1Decreto 282/2008, do 18 de decembro, polo que se aproba o Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.
2Real decreto 607/2006, do 19 de maio, polo que se modifica o Real decreto 2064/2004, do 15 de outubro, polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros.