Anuario de pesca 2008



Grandes grupos biolóxicos


Os resultados de primeira venda para o ano 2008 presentan un leve ascenso (0,77%) con respecto ao ano anterior e dan continuidade á tendencia á alza desde o ano 2003. Non obstante, as dificultades polas que atravesou a pesca durante este ano 2008 provocaron un descenso do valor dos peixes que deu lugar a unha baixada do 2,61% nos importes totais. Este descenso tivo una maior magnitude no caso dos crustáceos, que xeraron 4,4 millóns de euros menos que no ano 2007, e nos peixes, que produciron 12,08 millóns de euros menos que o ano anterior.

Nunha revisión destes grandes grupos atopámonos co seguinte:

Peixes

Tal como se comentou, as cantidades postas á venda procedentes das capturas aumentaron lixeiramente (0,18%), pero os ingresos xerados diminuíron. Unha especie de importancia, como é a pescada (HKE), durante o ano 2008 aumentou substancialmente as cantidades comercializadas en primeira venda, preto das 5.000 t sobre os dous anos anteriores; non obstante, o prezo medio para o este ano foi de 3,72 €/kg, cando desde 2002 non baixara dos 4 €/kg. A lonxa de Ribeira, con máis de catro millóns de quilos vendidos de pescada (HKE), alcanza un prezo medio anual por quilo de 2,15 €/kg.

A sardiña (PIL) e o lirio (WHB) descenden preto de 1.500 t con respecto a 2007, que no caso da sardiña vén dar continuidade á tendencia á baixa que se iniciou en 2006.

Pola contra, o xurelo (HOM) continúa aumentando as vendas, obténdose o mellor resultado dos últimos sete anos tanto en cantidades como en ingresos xerados.

Estas catro especies representan máis do 50% das cantidades e máis do 40% dos ingresos xerados pola vendas de peixes.

Bivalvos

O grupo dos bivalvos mellora resultados con respecto ao ano anterior, e son os mellores da serie desde o ano 2002, superando os 11 millóns de kilos. Tres especies, o berberecho (COC), a ameixa babosa (CTS) e a ameixa xaponesa (CLJ) lideran este aumento, ao achegaren 800 t máis que en 2007.

Se a este grupo lle sumamos os resultados económicos da ameixa fina (CTG), a contribución económica con respecto a 2007 supera os 3 millóns de euros. Ademais, os ingresos acumulados para o exercicio 2008 por estes catro moluscos representan o 84,85% do total de ingresos de todos os bivalvos.

Cómpre destacar o comportamento do mes de febreiro de 2008, que supera as 1.100 toneladas, cando a media anual desde 2002 para este mes é de 560 toneladas. Esta situación veu dada polas preto de 800 toneladas recollidas de berberecho e ameixa xaponesa.

Respecto aos ingresos, este grupo alcanza o mellor valor desde 2002, aínda que o prezo medio anual do grupo só se sitúa por encima do prezo medio de 2002. Isto tamén é consecuencia de que o berberecho baixa no seu prezo medio anual.

Finalmente, hai que sinalar que o rabioso (GKL) se converte durante este ano nunha nova especie obxectivo para determinadas frotas marisqueiras, cun ascenso importante, ao pasar de 39 t en 2007 a 262 t.

Case toda a produción de bivalvos se reparte entre as provincias da Coruña (45,34%) e Pontevedra (54,62%). Por zonas administrativas, a ría de Arousa achega o 56,84% dos bivalvos comercializados en toda Galicia.

Cefalópodos

Este grupo aumenta lixeiramente os resultados de 2007. Este incremento ten como protagonistas a pota pequena (TDQ), que procede na súa gran maioría de capturas realizadas pola frota do arrastre que traballa en augas comunitarias; o polbo (OCC), que, malia estar sometido a períodos de veda, mellora o seu comportamento ano a ano, e finalmente a lura (SQR), que supón máis de 100 toneladas. Por outra banda, o polbo cabezón (EOI) presenta un descenso de case unha terceira parte con respecto ao vendido no ano anterior.

En canto ao polbo, débese destacar que as medidas de xestión, que inclúen un paro biolóxico nos meses de maio a xuño, permitiron unha importante recuperación desta especie, que queda recollida no feito de que nos tres meses posteriores ao reinicio da campaña se venderon máis de 1.000 toneladas, cifra ata agora nunca alcanzada. Aínda así, o mes de decembro presenta o peor dato para este mes desde 2002. A lonxa de Vigo concentra o maior número de vendas, con 623 t, seguida da lonxa de Ribeira, con 391 t.

Crustáceos

O ano 2008 non foi demasiado bo en canto a venda de crustáceos, situándose por debaixo da media de vendas do período 2002-2007. As especies cun maior descenso son a cigala (NEP), con máis de 220 toneladas menos (24,20% menos que en 2007), e o percebe (PCB), con algo máis de 63 toneladas menos (15,25% menos que en 2007).

No caso do percebe, o descenso de vendas sitúa os resultados de 2008 en valores similares aos acadados en 2002 e por debaixo da media do período 2002-2007.

Pola contra, a centola (SCR), sen alcanzar os valores doutros anos, mellora en case 50 toneladas os resultados de 2007.