Anuario de pesca 2009



Introdución


A primeira venda de peixes e mariscos realizada durante o ano 2009 nas lonxas galegas non tivo uns bos resultados económicos, que se reflicten nun descenso de 29 millóns de euros con respecto ao exercicio de 2008, que pola súa vez xa descendera en preto de 12 millóns de euros con respecto a 2007, cumio dos últimos anos. Pola contra, as cantidades vendidas das especies mariñas aumentaron por riba das 18 mil toneladas; o comportamento dispar destas dúas variables tivo como consecuencia unha caída nos prezos medios.

A retracción do consumo, o incremento de custos tanto na captura como na cadea de comercialización afectou directamente nos prezos dos peixes e mariscos. Na edición de 2009 faise un especial seguimento á evolución dos prezos, pois o comportamento desta variable é de importancia para os pescadores e mariscadores, que senten que coa baixa do prezo se está infravalorando o seu traballo.

Revisando a situación dos principais grupos biolóxicos, atopamos que o máis afectado polo comportamento dos prezos é o grupo dos crustáceos cun descenso de 2,67€ por quilo (-13,95%); a continuación sitúanse os peixes cun descenso de 0,36€ por quilo (-16,99%) que representa un valor absoluto de 7 millóns de euros menos que o ano anterior; os cefalópodos presentan un prezo medio 0,28€ por quilo más baixo que en 2008 (-10,16%) e finalmente os bivalvos son o grupo que se comporta de xeito positivo cun incremento no prezo de 0,71€ por quilo (+10,24%).

Polo que respecta á acuicultura, o seu principal produto, o mexillón, tivo no ano 2009 un ano de maiores incidencias na produción e comercialización deste bivalvo. A introdución dos documentos de rexistro telemáticos, empregados por máis do 85% dos produtores no seu primeiro ano de funcionamento, permite facer un seguimento máis detallado da produción bruta, tanto para industria como para fresco; a achega dos datos por establecemento permite facer uns estudos con mellor precisión en canto á estacionalidade da produción, lugares de destino e portos con maior actividade de descarga da produción.

En canto ao rodaballo, continúa a tendencia ao incremento das toneladas comercializadas, e pese ao contorno de crise que afectou de xeito especial aos prezos medios dos produtos pesqueiros, esta especie comportouse mellorando preto de un euro por quilo con respecto ao ano 2008.

Esta sétima edición presenta unha versión reducida en formato papel e a información de detalle é presentada na páxina web www.pescadegalicia.com, nun deseño moderno que permite ofrecer todas as táboas e gráficos. Neste mesmo lugar web pódese descargar o arquivo que contén a versión dixital do Anuario de pesca 2009.

Para poñerse en contacto co servizo responsable do mantemento dos datos estatísticos á hora de resolver posibles dúbidas debidas aos cambios que se producen nas sucesivas publicacións, está á disposición dos usuarios o enderezo electrónico spp@xunta.es.

A estrutura desta edición é a mesma que a de anteriores anos:

I.- Pesca fresca: onde se recollen todos os datos das notas de venda transmitidas polas lonxas ou centros de primeira venda autorizados en Galicia, que se agrupan nos seguintes capítulos:

II.- Acuicultura: actividade produtiva con orixe nas nosas costas, que será analizada neste capítulo.

Coa publicación deste anuario dáselle cumprimento ao establecido no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 20101, procedendo á divulgación dos resultados estatísticos das operacións 32201 Estatísticas da primeira venda de produtos pesqueiros frescos e 32202 Estatísticas de produción de acuicultura mariña.

1Decreto 282/2008, do 18 de decembro, polo que se aproba o Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.