Presentación
2009 resultou un ano moi duro para a venda de peixe. A situación de crise que afectou principalmente o consumo provocou unha seria diminución nos prezos dos produtos frescos da pesca. O prezo medio xeral descendeu 0,44€ por quilo, que vén representar unha caída do 17,03% sobre o prezo do ano.
Aínda así, este ano de dificultades superouse con tranquilidade e artellando medidas de apoio aos sectores primarios como a pesca, para que se puidesen superar estes obstáculos, e manter en maior medida os ingresos anuais dos pescadores e mariscadores de Galicia.
Nalgún momento foron preocupantes as situacións sufridas pola apreciada pescada, que a finais de ano pasou por duros momentos de caída de prezos e diminución dos ingresos procedentes da súa venda. Mais tamén se puxo de manifesto que estas situacións de crise non se solucionan capturando máis peixe; non podemos afirmar de xeito contundente que a lei da oferta e a demanda marca o mercado, pero o que si queda constatado é que as estratexias de pesca están relacionadas directamente co comportamento do mercado, e que traer maiores cantidades de peixe para terra, en ocasións, non compensa a perda de ingresos e provoca a infravaloración dun produto de todos/as coñecido pola súa calidade e moi apreciado polos consumidores.
Polo que respecta á acuicultura, despois de superar os difíciles momentos polos que pasou o sector do mexillón, durante 2009 as vendas deste produto foron normalizándose e permitindo que os valores de produción e de ingresos estivesen dentro dos valores medios dos últimos anos. O mercado do fresco segue a medrar e, polo tanto, debe ser abastecido con produto de calidade que reforce a súa presenza no mercado e eleve a demanda.
Por outra banda, gustaríame destacar o comportamento do rodaballo de acuicultura, logo dun ano 2008 complicado. Durante 2009 continuou no seu crecemento, superando as 7.000 toneladas, e, aínda así, tamén foi capaz de recuperar o seu valor, para ter a maior facturación dos últimos anos.
O sector do cultivo de peixes segue a apostar pola diversificación das especies cultivadas, e cada vez se consegue avanzar nas técnicas de cultivo o que favorece o incremento das producións destas novas especies. Consideramos que a diversificación de especies, a aposta pola investigación nas fases reprodutivas e a busca de alimentos mellores que permitan a supervivencia de máis individuos, van levar Galicia a permanecer como rexión punteira na acuicultura da UE.
Son moitas as dificultades que a día de hoxe temos que superar, máis se sumamos todos os esforzos na mesma dirección, teremos máis oportunidades de saír adiante e superalas.
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar