Anuario de pesca 2011



Presentación


Que Galicia é unha potencia pesqueira e marisqueira é un feito que ninguén pon en dúbida. Non obstante, pór negro sobre branco nesta fortaleza depende dun amplo compendio estatístico, tanto como a propia actividade, e de dispoñer dun sistema de compilación de datos que debe pulir día a día as súas capacidades de recollida de información, sen poñer en risco a axilidade da loxística dos produtos da actividade marítimo-pesqueira.

Neste sentido, o seguimento das descargas e das vendas de peixes, mariscos e outros produtos supón un importante labor cuantitativo e cualitativo, por canto implica recoller, procesar e clasificar milleiros de datos, ao tempo que nos deixa o máis firme piar sobre o que asentar a plasmación da potencia pesqueira e marisqueira galega, e que nos poñen por diante de moitas rexións neste eido estatístico.

Amais, esta compilación de datos reflicte tamén os pasos dados en moitos eidos polo conxunto do mar galego, suma de Administración e sector, e que son certamente importantes no camiño do futuro. Así, por un lado, temos o afianzamento da rastrexabilidade dos produtos, base da diferenciación dos peixes e mariscos galegos nos mercados e, por outra banda, temos a mellora do coñecemento da actividade para pór esta en relación coas medidas de ordenación e xestión, xa que é das cifras de vendas das que se extrae moitas veces a tendencia que segue a actividade e a liña que deben seguir as medidas que se han adoptar.

Estes pasos son, asemade, un reflexo práctico do que Galicia pretende que a nova política común de pesca escriba para marcar o seu futuro a curto e medio prazo: a importancia de mellorar a información da que se dispón á hora de tomar decisións sobre a evolución e a orientación da actividade marítimo-pesqueira e, de forma especial, a necesidade de dispor e de plasmar as dimensións sociais e económicas nas análises que sobre a pesca e o marisqueo se desenvolven.

Deste xeito, estatísticas da dimensión extractiva e comercial coma esta que realizamos do ano 2011 serven de fundamento de base da análise económica da actividade, o que xunto a outras coma as desenvolvidas no eido social coas enquisas recollidas en Ocupesca forman o dobre piar da plasmación da importancia que a pesca e o marisqueo teñen en Galicia nestas dúas dimensións, e que deberán complementar os termos biolóxicos das análises da actividade.

Da mesma forma, tamén serven estas ferramentas para facer un diagnóstico continuo da liña comercial que os nosos produtos están a tomar e para determinar accións neste eido.

Neste sentido, ligando a actividade extractiva e comercial vemos, grazas a este Anuario de pesca fresca 2011, como os produtos da pesca e do marisqueo sofren unha minoración mínima dun 2% en termos de cantidade vendida, ligados fundamentalmente aos axustes nas cotas de pesca, mais conforman un volume económico de facturación que non só compensa a baixa de toneladas, senón que ascende no seu montante en máis dun 3%.

Sen dúbida, estas cifras teñen un protagonista na súa orixe e fundamento: o sector. Esta tamén é unha parte fundamental sen a cal non se lle podería dar forma a esta ferramenta que nos plasma os volumes que xeran a pesca e o marisqueo en Galicia. Mais neste traballo, importantísimo e clave, forman tándem co persoal técnico da Secretaría Xeral do Mar que lles dan continuidade aos medios que moven este volume estatístico, e que compilan os datos que debuxan esta estatística anual.

Con ambas as partes, que serven de sustento e de unión deste traballo, está a achega da Consellería do Medio Rural e do Mar, que fai un importante esforzo por seguir a desenvolver este labor básico para o presente e para o futuro do noso sector marítimo-pesqueiro.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Medio Rural e do Mar