Anuario de pesca 2012



Presentación


Quizais un dos elementos que máis identifique os tempos que estamos vivindo sexa a aplicación de avances que fan que a tecnoloxía se integre de pleno dereito nas nosas vidas e actividades cotiás e mesmo dirixan as súas partes fundamentais.

O mar e as actividades marítimo-pesqueiras non son alleas a esta tendencia. Xa sexa na ponte dun barco ou nunha planta de transformado, ordenadores e medios dixitais son capaces de facer a actividade máis doada e de achegar unha información en segundos que antes nos levaba anos e mesmo décadas xuntar.

Pero si hai un lugar onde as novidades tecnolóxicas se fan patentes de xeito específico esas son as lonxas e puntos de venda. Na nosa comunidade autónoma existen máis de 128 portos e arredor doutros tantos lugares para efectuar descargas de produtos do mar. Achegar toda a información que neles se xera é, polo tanto, unha tarefa que esixe desenvolver unha ardua labor á que hai que dotar, amais, da necesaria rigorosidade e exhaustividade.

Por fortuna, os medios telemáticos permiten que hoxe en día non se repita aquel vello dito que apuntaba que “na lonxa non se pregunta, apúntase”. Para tirar pola borda este dito basta entrar na rede e buscar as estatísticas que a Consellería do Medio Rural e do Mar constrúe a partir dos datos que son achegados diariamente desde cada recanto da costa galega.

Neste esforzo empeñamos medios técnicos e humanos importantes. A páxina www.pescadegalicia.com permítenos verificar a cada intre a evolución das nosas descargas e vendas de peixe fresco e elementos coma os TICPESC son capaces de achegarnos toda a información precisa sobre alternancia de artes de pesca ou transporte nun instante, e favorecer tamén a axilidade das xestións administrativas para os mariñeiros.

Mais ter estes datos a un clic de rato dun ordenador non debe ser óbice para que se xeren os datos agrupados que nos permitan dispor dunha visión xeral da actividade e das súas magnitudes máis importantes. Indo máis alá, poñelas, pola súa vez, na man daqueles que puidesen estar interesados de forma áxil e accesible é un paso máis nesta cadea de achega de información.

Nese rumbo vai este traballo que nos facilita o Servizo de Análise e de Rexistros da Secretaría Xeral do Mar e que nos trae, outro ano máis, os principais datos estatísticos da pesca fresca desembarcada en Galicia en 2012. Esta publicación, que achegamos de forma práctica e directa nesta vía dixital, é froito de moitas horas de labor diaria de sistematización, e iso debemos agradecerllo moito.

Amais de agradecerlles este traballo, debemos achegarlles esa gratitude por canto, a través da información aquí contida, se pon un chanzo fundamental para afirmar pasos coma a mellora da trazabilidade, de reforzo das medidas de certificación da calidade a través de sistemas de etiquetaxe coma PescaDeRías, e un longo etcétera de cometidos que nos marca a competitividade dos mercados actuais da pesca e do marisqueo.

Pero o principal punto onde se centra a nosa gratitude está situado na condición de peza clave que as estatísticas teñen para o compendio xeral de datos que a nosa pesca e o noso marisqueo ofrecen. Con estas cifras podemos valorar a adecuación de rendementos dos buques, o axeitado dos esforzos pesqueiros das diferentes artes e un amplo abano engadido de circunstancias vinculadas aos eidos ambientais, sociais e económicos da actividade marítimo-pesqueira.

Xa que logo, temos entre as nosas mans o acceso a un elemento clave na definición das políticas pesqueiras e marisqueiras galegas e da súa orientación de futuro. Por iso vos animo, coma no caso da administración, a empregar e utilizar estes datos para afianzar o coñecemento da nosa pesca e do noso marisqueo para construír de mellor e máis acaída maneira o seu futuro porque é, en definitiva, o de Galicia.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Medio Rural e do Mar