Introdución
A situación do Rexistro de Buques de Galicia na súa imaxe a 31 de decembro do 2010 non presenta demasiadas novidades respecto das tendencias detectadas nas derradeiras publicacións. O número de unidades da frota pesqueira diminúe, pero dun xeito máis moderado que en anos anteriores.
Na Plataforma Tecnolóxica da Pesca www.pescadegalicia.com pódese consultar de forma actualizada a situación deste rexistro, no que se están producindo modificacións a diario.
Ao longo do ano 2010 producíronse un total de 46 altas de buques no rexistro e 101 baixas, o que produce o resultado de 55 unidades menos de variación neta. No mesmo ano producíronse 79 cambios de porto base, dos que 61 foron entre portos da mesma provincia e 18 entre portos de distinta provincia.
Estrutura do libro
Na primeira parte desta publicación preséntase unha visión dos datos da frota dedicada á pesca por caladoiros, por provincias ou por zonas de produción. Cada un destes segmentos está, á súa vez, repartido por tramos de arqueo, de eslora ou de potencia.
A segunda parte deste libro analiza en detalle a frota de artes menores, que é o segmento máis numeroso en canto a unidades. Dentro deste grupo faise ademais unha análise das principais artes empregadas por esta frota.
Finalmente, dedícase a terceira parte da publicación ao conxunto de buques que capturan especies peláxicas con artes de cerco no caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste, por ser este o conxunto máis numeroso despois do de artes menores.
Outros datos relacionados
O Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia da soporte á ferramenta informática de despacho da alternancia de artes. Ao longo do ano 2010 tramitáronse 37.983 despachos de cambio de arte, dos que 37.114 se realizaron a través da aplicación dispoñible nas confrarías de pescadores e nos departamentos territoriais da consellería do Mar. Un total de 894 foron os despachos realizados polos propios armadores a través dos terminais TICPESC que se colocaron inicialmente nos portos de Cariño, Cedeira, Fisterra, Cambados, O Grove e Bueu.
A información do Rexistro de Buques tamén deu soporte á elaboración de 83 plans experimentais de pesca, sobre os que se puido despachar alternancia.
Con esta edición de 2009 dáselle a axeitada divulgación á información de carácter oficial recollida pola operación estatística 32101 "Explotación do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma", incluída no Programa estatístico anual para 2010, tal como se recolle no Decreto 433/2009, do 11 de decembro, polo que se aproba este programa.