Prólogo
Xa levamos oito anos presentando á sociedade galega, a fotografía da frota con porto base nas localidades da costa galega. Ao longo deste tempo, tanto os libros como a divulgación a través da rede foron evolucionando cara unha información máis detallada, incrementado a calidade do produto resultante. Superada a primeira década do século XXI e co ánimo de seguir reducindo os custos medioambientais que representa o emprego de papel, este ano promovemos a presentación dos datos na páxina web www.pescadegalicia.com no seu apartado de publicacións.
A información contida neste rexistro dá soporte a unha serie de aplicacións informáticas que prestan servizo ao sector, como son a declaración da alternancia de artes para a frota de artes menores ou a identificación dos provedores de peixe que figuran nas notas de venda ou nos documentos previos á primeira venda. Neste último apartado queremos destacar a incorporación de parte da frota que traballa no caladoiro nacional Cantábrico Noroeste e que comeza a empregar os terminais TICPESC situados nos portos do litoral para obter os documentos de transporte directamente. A aposta da consellería do Mar por achegar as novas tecnoloxías aos portos pesqueiros galegos continuará ao longo do ano 2011, pensando sempre en facilitar as tarefas aos armadores dos buques pesqueiros e que todos os usuarios poidan beneficiarse destes avances tecnolóxicos.
Mais todos estes avances tecnolóxicos non serían efectivos se non dispuxésemos dunha información real e actualizada no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia. Diariamente estanse producindo altas, baixas e modificacións e diariamente son asentadas neste rexistro para que os barcos poidan pescar coa súa documentación en regra. Queremos mellorar a xestión deste rexistro para que cada vez funcione mellor. Seguiremos avanzando no seu desenvolvemento e tentaremos incrementar a calidade da información dispoñible pero é importante recoñecer que estas aspiracións só se poden alcanzar se ambas partes, a administración como xestora e o sector pesqueiro como protagonista, van da man.
Aquí se presenta esta edición coa que evidenciamos o noso compromiso de seguir a traballar para mellorar a calidade deste rexistro na procura de que este servizo sexa útil para o mellor coñecemento do sector pesqueiro galego.
A conselleira do Mar
Rosa María Quintana Carballo