Rexistro de Buques Pesqueiros 2017



Prólogo


Se unha persoa se achega a calquera peirao de Galicia ve como a frota de pesca trocou a súa conformación. Os cambios de caladoiro, a muda das especies obxectivo, os tempos de pesca e as adaptacións a cada nova fórmula de ordenación...moitos foron os factores e un solo o resultado: os cambios da imaxe.

De vellos barcos de madeira estamos hoxe na supremacía do aceiro e a fibra. Dos vellos barcos abertos nos que a intemperie reinaba sobre os mariñeiros pasamos hoxe aos buques pechados e onde o traballo se realiza a cuberto e sen golpes de mar. Dos vellos barcos onde o carbón e o fuel movían máquinas e motores con escasa potencia que apenas daban avante cando había temporal demos hoxe nunha propulsión axeitada para seguridade e facilidade no traballo.

Todo iso, alén dos factores ambientais e sociais da pesca, son refrexo do estado e evolución dunha frota, a galega, que mudou de forma senlleira nos últimos vinte anos. Catro lustros nos que se minorou o seu número, pero nos que se avanzou sobremaneira na súa eficiencia e seguridade.

Pero para dar fe disto temos que contar con datos, e a Consellería do Mar pode exemplificar eses cambios grazas a un amplo compendio deles, sistematizados e postos en orde por moitos traballadores e traballadoras deste departamento que día a día plasman esa evolución nas súas bases de datos.

Para a análise de todos esas cifras e das características que deles se tiran debemos ter en conta a necesidade de poñer estes datos en referencia aos socioeconómicos para ter unha imaxe do estado real da frota. Aí vemos como en termos xerais, neste ano se da un lixeiro axuste á baixa, namentres que medra o emprego e suben, de xeito importante, descargas e facturación nos nosos portos. Hoxe temos unha frota competitiva no que se crea emprego ata o punto de acadar cifras de práctica ausencia de desemprego, e na que o volume económico xerado acada os niveis máis altos desde que hai rexistros, deixando o listón por riba dos 500 millóns de euros en primeira venda.

Se baixamos un chanzo e ollamos para cada caladoiro onde a nosa frota faena, vemos como a do caladoiro nacional do Cantábrico e Noroeste sostén os seus rexistros, atopándose moi por debaixo da minoración media e deixando casos coma o do cerco, onde medra a frota, ou o apenas imperceptible axuste da de artes menores. Amais, na meirande parte dos censos analizados, tamén no do Gran Sol, vemos como se conseguiu frear a baixa.

Por último, os cambios e variacións das novas formas de acceso aos caladoiros internacionais e de terceiros países, así como as transformacións nas fórmulas de operatividade dos barcos levan a unha adecuación da base dos buques de augas internacionais, o que se repercute nun axuste da frota en termos estatísticos.

Grazas a estas imaxes en forma de datos temos un indicativo da evolución da nosa frota, que marcamos en termos de mellora da eficiencia e competitividade, alén de plasmar neses cambios as mudas que a pesca trae consigo en canto a operatividade e organización da actividade. Pero si que hai unha cousa que non mudará nunca: seguro que a nosa frota seguirá exemplificando a súa capacidade para pescar e por facelo cada día de mellor forma.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar