Introdución
Co fin de poder realizar os estudos pertinentes sobre a situación e a evolución do sector, resulta imprescindible dispoñer dunha información fiable e actualizada acerca da flota que radica en Galicia, xa exerza a pesca de gran altura, altura ou baixura, ou se dedique a traballos auxiliares do marisqueo ou da acuicultura.
Así, o Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, constitúe un instrumento básico para o coñecemento da realidade e a evolución da frota pesqueira con porto base en Galicia, cuxa finalidade é entre outras, recoller los datos relativos ás características principais a nivel estrutural e de esforzo pesqueiro das embarcacións que o compoñen e colaborar para que os datos existentes nel sirvan de referencia para aplicación das normas da política pesqueira galega, nacional e comunitaria.
Metodoloxía
A información é extraída da base de datos do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia unha vez pechado o ano en curso.
Débese ter en conta que o Rexistro durante un mesmo exercicio está sometido a constantes actualizacións (modificacións de asentos rexistrais existentes, novas altas e baixas) polo que haberá datos fluxo (nun período determinado) ou datos stock (nunha data concreta).
Para a realización desta publicación tómanse os datos stock a data 31/12/2017.
Obxectivos da publicación
O principal obxectivo desta publicación é a explotación estatística dos datos do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia para coñecer as principais características da frota pesqueira con porto base en Galicia, facilitando ás Administracións Públicas a toma de decisións na xestión do sector.
Outro obxectivo desta publicación é dar cumprimento á operación estatística 3201-01-OE05 Explotación do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma , recollida no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2018 (Decreto 131/2017, de 21 de decembro, DOG nº 246 de 29-12-2017), e que ten como obxectivo coñecer as características – actividade, artes empregadas, zonas xeográficas de pesca, capacidade de pesca (CV) e capacidade de almacenamento (GT) – da frota pesqueira con base nos portos da Comunidade Autónoma.
Estrutura da publicación
O Capítulo I “FROTA DE PESCA” pretende dar unha visión xeral da composición da frota pesqueira galega, ofrecendo información sobre o número de embarcacións da terceira lista e as súas características principais: arqueo, eslora e potencia. Nesta visión global tamén se inclúe a información da súa distribución territorial por portos base.
Dedícase un capítulo específico, o capítulo II “ARTES MENORES” ao segmento da flota das embarcacións de artes menores debido a ser o colectivo cuantitativamente máis relevante na nosa comunidade. Así, neste apartado a publicación profundiza nas características propias destas embarcacións. Por unha banda ofrécese a súa distribución territorial en función do seu porto base e por outra, dado que as características e uso das artes están perfectamente definidas na normativa sectorial, presentase a información relativa ás embarcacións que teñen autorizadas determinadas artes como artes de anzol, marisqueo, artes menores de cerco, enmalle e nasas. Cómpre ter en conta que en base á alternancia de artes un mesmo buque pode ter autorizadas ata cinco artes, polo que nos informes de desagregación ofrecidos por grupos ou segmentos de artes, a suma das distintas categorías non coincidirán co total de embarcacións.
No terceiro capítulo, ”CALADOIRO NACIONAL CERCO”, a información céntrase no colectivo das embarcacións de cerco do caladoiro nacional Cantábrico Noroeste por ser este o censo máis numeroso despois do de artes menores. A información reflectida refírese tanto á súa distribución territorial como ás súas características principais a nivel estrutural e de esforzo pesqueiro.
Finalmente, no cuarto capítulo, ”BUQUES AUXILIARES DE PESCA E ACUICULTURA” reflíctese a cuantificación e as principais características das embarcacións de cuarta lista, correspondentes a buques auxiliares de pesca e acuicultura.