Ocupesca 2013



Introdución


A enquisa sobre a poboación ocupada nos sectores da pesca e da acuicultura mariña en Galicia (OCUPESCA) nace en 2011 cos obxectivos de coñecer a ocupación nas unidades de pesca con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, coñecer a ocupación nas unidades de acuicultura radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia e avaliar a produción e as características económicas das unidades de produción da pesca extractiva e da acuicultura.

A primeira edición desta enquisa publicouse en 2012 e nela ofrecíase información sobre a ocupación nestes sectores durante o ano 2011 e información sobre a súa facturación referida ao ano 2010.

Nesta segunda edición de OCUPESCA danse a coñecer os resultados referidos á poboación ocupada nos buques con porto base en Galicia e nos establecementos acuícolas galegos durante o ano 2013 e a súa facturación económica durante o ano 2012.

Esta enquisa é unha operación estatística incluída no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014. A coordinación do proxecto, o deseño da mostra e a obtención dos resultados a partir da base de datos levouse a cabo dende a Secretaría Xeral do Mar. O traballo de campo desenvolveuno a empresa Instituto Sondaxe. O Instituto Galego de Estatística (IGE) achegou importantes suxestións á parte xeral e, de xeito máis específico, colaborou no referente ás características económicas, tanto na fase de deseño dos cuestionarios coma na obtención dos resultados.