Ocupesca 2013



Presentación


Coma se dunha pequena aldea se tratase, as xentes que dedican a súa vida a traballar no mar coñécense e saben uns doutros coma se fosen unha gran familia que forman máis de 11.700 persoas. Indo máis alá, as conversas dos peiraos versan en numerosas ocasións sobre mareas de pescas abondosas e costeiras que deixaban e deixan rendementos económicos positivos para o tecido social do mundo do mar.

Ademais, a nosa fama de xente do mar transcende alén das nosas fronteiras. Todos coñecen Galicia, os seu portos e os seus barcos e, sobre todo, os seus mariñeiros. Lonxe de opinións persoais, a concordancia sobre o saber facer e os coñecementos marítimo-pesqueiros galegos están fóra de toda dúbida e póñense de relevo todos os días en todos os mares do mundo.

Sabemos moito e temos moitas mostras da dimensión cualitativa da pesca, do marisqueo e da acuicultura galegas. Pero estamos aprendendo e coñecendo cada vez máis sobre a dimensión cuantitativa de forma rápida e decidida, sabedores de que este respaldo en cifras á cara cualitativa do mar de Galicia pode ser o complemento ideal para abordar negociacións, propostas, inquedanzas e necesidades do noso sector marítimo-pesqueiro.

Nese valor e intención de poñerlle cifras á dimensión cualitativa do mar de Galicia xorde OCUPESCA. Poñer negro sobre branco a dimensión socioeconómica da nosa actividade mariñeira é un feito que nace da comprensión e sensibilización sobre a importancia deste aspecto, e que reafirma a aposta que desde a Xunta de Galicia se fixo para dotar a xestión e ordenación pesqueira dun equilibrio entre o ámbito ambiental, o social e o económico.

Neste OCUPESCA 2013 facemos un referendo desa aposta e gañamos terreo no coñecemento do noso sector, e afondamos na busca e cuantificación de máis aspectos sociolaborais coma a evolución do emprego, o xénero dos empregados, a idade dos profesionais do sector, a súa nacionalidade ou a antigüidade da súa dedicación ás labores de pesca e marisqueo.

Ademais, no eido económico avanzamos nese saber ao contemplar novos campos de información coma a facturación de cada segmento da nosa frota, a media de ingresos por embarcación e o peso relativo de cada frota no cómputo global da nosa actividade pesqueira e marisqueira.

Porén, non se podería dar unha imaxe do mar galego sen recoller convenientemente a información do sector acuícola, e facer fincapé na definición do volume social e económico que move cada ámbito de produción, xa sexa este o sector mitilicultor, o piscícola ou o marisqueiro.

Temos, pois, ante nós un documento accesible e sinxelo onde a forza da marea socioeconómica da nosa pesca, do noso marisqueo e da nosa acuicultura empurra o noso saber facer e complementa a súa valía, de xeito que defina un elemento decisivo de cara ao futuro: o noso potencial social e económico no mundo do mar.

Tanto é así que se falamos de futuro neste eido debemos falar de Política Común de Pesca, e se falamos dos aspectos socioeconómicos neste marco debemos contemplar a necesidade de achegar máis e mellores coñecementos para decidir mellor e máis acertadamente.

Neso vainos moito aos galegos e galegas, e por iso referendamos ese equilibrio que defendemos e que recolle a nova PCP dotándonos das mellores pezas para construír un cúmulo de coñecementos do ámbito social e económico da actividade marítimo-pesqueira galega. Velaí están esas pezas con forma de táboas input-output, de plataforma estatística pescadegalicia.com, de anuarios de pesca e acuicultura ou de rexistro de buques.

É moito traballo e dedicación dos servizos desta Consellería do Medio Rural e do Mar e outro tanto do noso sector e dos nosos profesionais o que se plasma nestes volumes. Por iso creo que cómpre recoñecer primeiro ese labor e despois aproveitar ese traballo e facer un uso amplo deste OCUPESCA 2013 sabedores de que está feito desde e a prol do noso sector marítimo-pesqueiro, desde o seu presente e para o seu futuro.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Medio Rural e do Mar