Ocupesca 2015



Introdución


A explotación dos recursos mariños nas bisbarras costeiras galegas ten unha importancia nunca discutida, pero que ata fai ben pouco carecía de datos empíricos que testemuñasen de forma práctica a súa condición de motor de desenvolvemento económico e social. A dispoñibilidade de información e o coñecemento da pegada da actividade produtiva ligada ao mar -pesca extractiva e a acuicultura-, é requisito indispensable para cuantificar a súa propia magnitude, o seu peso sobre o conxunto da economía galega tanto de xeito directo, como de modo indirecto a través da súa influencia en sectores vinculados –empresas subministradoras, empresas de transformación e comercialización-, que espallan o rendemento económico do mar por toda a sociedade.

Neste afán por mellorar a información dispoñible sobre as dimensións sociais e económicas das actividades vinculadas ao mar (pesca e acuicultura) a Consellería do Mar puxo en marcha en 2011 a enquisa Ocupesca, que recollendo datos cada dous anos vai xa pola súa terceira edición.

Na presente edición danse a coñecer os resultados referidos á poboación ocupada nos buques con porto base en Galicia e nos establecementos acuícolas galegos durante o ano 2015 así como a súa facturación económica durante devandito exercicio.

Esta enquisa é unha operación estatística incluída no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 (Decreto 185/2015, DOG nº 246 do 28/12/2015). A coordinación do proxecto, o deseño da mostra e a obtención dos resultados a partir da base de datos levouse a cabo dende a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar. O traballo de campo desenvolveuno a empresa Quadernas Consultoría.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) achegou importantes suxestións á parte xeral e, de xeito máis específico, colaborou no referente ás características económicas, tanto na fase de deseño dos cuestionarios coma na obtención dos resultados derivados das variables económicas que acompañaban o módulo xeral da enquisa, asumindo tamén parte das tarefas de control e depuración de datos.