Prólogo
Din que cada enquisa é unha foto fixa dun asunto nun momento concreto. Din que esta reflicte a imaxe dun eido específico nese instante de recompilar os datos sen ver se este progresa cara adiante ou cara atrás. Amais, case sempre pensamos neste tipo de traballos de investigación coa aplicación das súas vantaxes aos asuntos de índole social e, de xeito especial, a aqueles susceptibles de servir de análise da opinión da nosa sociedade.
Ocupesca tráenos agora esa foto fixa aplicando o obxectivo da cámara de análise á situación laboral e socioeconómica básica da nosa estrutura pesqueira e acuícola, e déixanos datos de interese para facer unha análise da nosa evolución, das debilidades que debemos reforzar e das oportunidades nas que debemos seguir traballando.
Nesa foto fixa temos un punto de referencia que posteriormente ha de ser complementado e verificado día a día con datos dinámicos procedentes das estatísticas sectoriais correspondentes para saber se a evolución deste ámbito de actividade ao que nos ligamos avanza ou retrocede. Neste senso, vemos así como se vai freando o axuste de empregados no ámbito pesqueiro e referendamos esta cuestión ao ver que desde xaneiro de 2016 gañamos afiliados ao Instituto Social da Mariña, onde o saldo interanual é positivo. Mesmo os datos da Enquisa de Poboación Activa actualizados nos levan por esa vía e nos deixan datos de crecemento por riba da media galega.
Lugar á parte merecen as interpretacións das cifras da acuicultura, xa que a senda positiva nos confirma a tese da potencialidade deste sector e a capacidade deste como elemento de fomento laboral e económico, especialmente neste momento onde o freo da actividade no ámbito europeo e as dúbidas xurdidas co Brexit nos pode dar a oportunidade de retomar o liderado do sector, que ten como motor principal á miticultura.
A maiores, a consideración da actividade dos cultivos mariños como elemento de redinamización económica confirmou a súa certeza. A directa relación entre a potencialidade natural que ten Galicia neste eido, a aplicación de coñecementos e da tecnoloxía e a obtención de rendementos económicos importantes son elementos que nos deben levar a aproveitar o amplo campo de mellora que se nos abre, tendo como premisas a compatibilidade coas actividades preexistentes e o pleno respecto ao medio natural que nos dá a súa acollida.
Mais, coa referencia desa foto fixa e dos datos que as estatísticas sociolaborais e económicas nos dan mes a mes ou trimestre a trimestre, Ocupesca achega datos de interese que engaden demoras reais sobre as que tomar rumbos para as decisións que deben rexer os designios da acción de ordenación e orientación estratéxica do noso sector marítimo-pesqueiro.
Tanto é así que estas referendan, logo de ver as cifras de facturación media por estrato, a necesidade de dotar de maior valor engadido a produción da nosa frota de artes menores e a positividade de diversificar a xeración económica vinculada a ela, feito ao que contribúe de forma senlleira a énfase na diferenciación dos nosos produtos nos mercados da man de etiquetas que referendan a súa calidade e a aposta formulada arredor dos Grupos de Acción Local de Pesca. Do mesmo xeito, confirmamos a necesidade de seguir afianzando o traballo a prol da competitividade da frota de altura e gran altura como punto de apoio dunha parte fundamental da nosa estrutura pesqueira a teor da súa achega económica.
Por ende, as lecturas deste Ocupesca déixanos confirmación dunha necesidade que por repetida no ámbito europeo non deixa de ter connotacións e especificidade locais. Falamos do condicionante real de precisar un relevo xeracional para a nosa pesca e do imperioso deber de contribuír a equilibrar a presenza da muller neste ámbito.
Por iso, con esa referencia e connotación galega que nos dá esta enquisa e o seu traslado a datos concretos en función de tramos de idade e xénero, traballamos e traballaremos para que o aumento da matrícula nas nosas escolas nun 46% e a importante presenza feminina noutros eidos coma o marisqueo se traduza nun sector pesqueiro anovado e igualitario, para retomar a consideración do mar como o elemento de oportunidades socioeconómicas que sempre foi.
Queremos, xa que logo, que esta foto fixa vaia tomando movemento e dinamismo cara adiante, en termos positivos e de futuro sostible e competitivo. Esa será a foto na que mellor sairá a nosa Galicia marítimo-pesqueira e dese xeito queremos que saia.
Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Mar