Ocupesca 2023



Introdución


A enquisa Ocupesca 2023 volve ofrecer unha análise detallada da situación laboral nos sectores da pesca extractiva e da acuicultura mariña en Galicia, permitindo coñecer a evolución destas actividades estratéxicas para a economía mariña galega. A súa realización en anos anteriores evidenciou a importancia de dispoñer de datos actualizados sobre o emprego, as características sociodemográficas da poboación ocupada, as condicións laborais e a evolución da facturación, permitindo así unha mellor comprensión das dinámicas do sector.

Nesta edición de 2023, obsérvase unha redución no número de embarcacións e tripulantes na pesca extractiva en comparación cos datos do 2021. A situación das cifras de emprego achégase ás rexistradas no ano 2019. A acuicultura mariña, pola súa banda, tamén presenta unha diminución no número de establecementos e persoas traballadoras, mantendo o predominio das bateas como principal actividade produtiva. Ademais, a análise dos datos permite constatar a evolución crecente experimentada de forma sistemática pola facturación media por persoa traballadora no caladoiro nacional de pesca, e nos parques de cultivo, no caso da acuicultura, en relacións cos anos anteriores.

Con esta nova edición de Ocupesca, preténdese continuar a ofrecer unha ferramenta de referencia para o seguimento da evolución do emprego nos sectores da pesca e acuicultura en Galicia, facilitando a toma de decisións, tanto para axentes institucionais como para o propio sector produtivo.


Metodoloxía


O estudo realizouse a partir dunha enquisa dirixida aos buques pesqueiros con porto base en Galicia e ás empresas que posúen establecementos de cultivo mariño na Comunidade Autónoma. A metodoloxía empregada segue os mesmos criterios das edicións anteriores, garantindo a comparabilidade dos resultados e a continuidade na serie histórica dos datos.

No caso da pesca extractiva cada unidade de mostraxe correspóndese cun único buque, mentres que no caso da acuicultura cada unidade de mostraxe se corresponde cunha empresa que pode ter máis dun establecemento e mesmo establecementos de distinto tipo. Tendo isto en conta, cando a empresa acuícola posúe establecementos de distinto tipo, a súa atribución a un ou outro estrato de mostraxe responde ao criterio da explotación principal, entendida como aquela que achega maior facturación á empresa.

Tendo como marco o Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e a base de datos para a xestión de cultivos mariños de Galicia, o deseño de mostraxe realizado tivo como referencia un universo de 4.195 buques con porto base en Galicia e 2.510 empresas de acuicultura na Comunidade.

Partiuse, polo tanto, de dous universos de estudo distintos e polo tanto de dúas submostras específicas. Estas submostras dividíronse á súa vez en diferentes estratos.

No caso da pesca extractiva este universo foi estratificado en función do caladoiro (nacional, comunitario ou internacional) e a arte de pesca principal (arrastre, cerco, arrastre e cerco, enmalle, palangre de fondo, palangre de superficie e artes menores), dando lugar a 10 estratos, sobre os que se procedeu á selección dunha mostra aleatoria simple.

Respecto da acuicultura mariña, os parámetros para a estratificación tiveron en conta o tipo de establecemento principal da empresa (criadeiros e/ou granxas, liñas e/ou gaiolas, parques de cultivo e bateas) dando lugar a 8 estratos. Salvo en determinados estratos onde, debido á súa reducida poboación, a mostra abrangueu a totalidade do universo, no resto dos estratos, que conforman a gran maioría, seleccionouse unha mostra aleatoria simple.

A información recollida inclúe variables relacionadas coa estrutura da ocupación, tales como a distribución por xénero, idade e nacionalidade, a situación profesional, a xornada laboral e as condicións contractuais. Ademais, incorporáronse datos sobre a facturación e a produtividade dos distintos segmentos de actividade, permitindo unha visión global do sector.

A recompilación de datos realizouse mediante entrevistas e cuestionarios estruturados, garantindo unha representatividade axeitada do conxunto do sector. O tratamento estatístico dos datos permite identificar tendencias e variacións con respecto a edicións anteriores, ofrecendo unha imaxe actualizada da realidade do emprego e facturación nos sectores analizados.