Ocupesca 2023



Prólogo


Galicia é a principal rexión pesqueira da Unión Europea. Un liderado consolidado nas últimas décadas que demostra a capacidade e competitividade do noso sector pesqueiro e acuícola que soubo repoñerse ás dificultades e afrontar os novos retos con resiliencia mostrando unha gran capacidade de adaptación. Así o amosan os datos recollidos na nova edición da enquisa Ocupesca 2023 que permite ter unha fotografía completa da realidade dunha actividade complexa da que dependen ao redor de 15.500 empregos e que representa unha facturación conxunta anual de preto de 1.200 millóns de euros. Unha análise detallada que nos permite dispoñer de datos actualizados sobre emprego, características demográficas, condicións laborais ou facturación, ofrecendo unha mellor comprensión das dinámicas do sector.

Unhas cifras que reflicten o carácter estratéxico da pesca extractiva e da acuicultura na nosa comunidade. Así o entendemos desde o Goberno galego que acompaña ao sector ante os desafíos actuais marcados pola reforma do marco normativo comunitario recollido na Política Pesqueira Común partindo da premisa da necesidade de garantir a soberanía alimentaria do continente. Afondar na sostibilidade da actividade extractiva e mellorar a valorización dos nosos produtos son outras liñas de traballo irrenunciables e que deben ser acometidas desde o traballo conxunto de todos os axentes implicados. A unión é a maior garantía de que imos a ter éxito nesta complicada tarefa.

A pesca extractiva é unha actividade arraigada na nosa identidade como pobo que tivo que aprender a adaptarse aos cambios que ían xurdindo dando como resultado unha frota presente en caladoiros de todo o mundo e referente internacional en sostibilidade. Unha frota de case 4.200 barcos na que, con pequenos pasos pero firmes, vai gañando peso a muller na súa masa laboral que destaca pola estabilidade do emprego, cunha clara predominancia dos contratos indefinidos. A isto axudou o crecemento notable da facturación media por persoa ocupada en case un 67% desde o 2011 ata superar os 82.000 euros.

Pola súa banda, o noso sector acuícola continúa dando mostras de fortaleza ante as dificultades cun tecido empresarial de 2.510 empresas das cales o 73,5% corresponde á miticultura. O grupo de establecementos de criadeiros, granxas, liñas e gaiolas, que supón o 14% do emprego, continúa gañando peso en termos de facturación representando na actualidade máis do 47%, destacando tamén pola produtividade cunha maior rendibilidade económica chegando os seus ingresos por persoa empregada ata os 223.000 euros. Unha cifra que contrasta cos 65.000 euros do conxunto do sector cun crecemento de máis do 40% desde o 2011.

Os datos tamén poñen en riba da mesa o impacto dos efectos do cambio climático na actividade produtiva así como un reparto das posibilidades de pesca que nos últimos anos non atenderon ao debido equilibrio entre os factores ambientais, económicos e sociais. Nesta liña, observamos un incremento no emprego nos caladoiros en pesqueiras internacionais fronte o descenso nos caladoiros nacionais ou comunitarios.

Por outra banda, desde a Xunta somos conscientes de que a remuda xeracional e outro dos retos aos que se enfronta a pesca e acuicultura galega cuxos cadros de persoal superan os 55 anos nun 17% e 31% respectivamente. Isto contrasta coas cifras de menores de 34 anos con cifras sensiblemente inferiores do 16% e 14,5%. Neste contexto cobra un maior valor a actividade formativa de excelencia que desenvolven os nosos centros de formación, ámbito no que investimos este ano 12,3 millóns de euros.

Polo tanto, o Ocupesca 2023 pon cifras ao traballo colectivo de dous sectores esenciais para a nosa comunidade, especialmente para as comunidades costeiras, cuxo papel transcende ao económico polo seu impacto á hora de fixar poboación no noso litoral. Contamos cos mellores profesionais, as mellores augas e os mellores produtos recoñecidos nos mercados polo seu sabor e excelente calidade. Os nosos antepasados foron pioneiros en facer de Galicia un referente mundial no eido da pesca e os cultivos mariños. Agora temos a responsabilidade de continuar o seu traballo co compromiso de trasladar ese legado aos galegos e galegas do mañá.


Alfonso Villares Bermúdez

Conselleiro do Mar