Novas e comunicacións
Nova imaxe do sitio web da Plataforma Tecnolóxica da Pesca
20/11/2014Desde a Plataforma Tecnolóxica da Pesca vénse realizando un esforzo para ofrecer máis e mellores servizos. Unha parte deste esforzo concretase no novo deseño e maquetación da imaxe do seu sitio web. O principal obxectivo desta renovación estética non é outro que o de facilitar unha navegación máis intuitiva e rápida que lles permita aos usuarios atopar o que buscan de xeito máis doado.
Tomando como marco o Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet, este sitio web tiña pendente ofrecer un deseño máis actualizado, e facilitar o acceso aos contidos e aos servizos proporcionados dunha forma máis sinxela, eficaz e atractiva. Ao mesmo tempo e neste mesmo marco, baixo a supervisión da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), garántese a homoxeneidade desta páxina web respecto dos criterios de desenvolvemento corporativo dos sitios web do sector público autonómico de Galicia na internet.
Máis accesible e atractivo, o novo deseño está pensado para facilitar desde a páxina principal o acceso a unha maior oferta de contidos, así como para posibilitar as principais xestións dos sectores produtivos e comercializadores dos produtos pesqueiros a través das aplicacións de alternancia de artes, expedición de documentos e envío de datos.
A partir da páxina principal, os contidos atópanse organizados tematicamente para dar acceso ao conxunto de funcionalidades e información ofrecidos. Estes contidos organízanse en seis apartados:
- Inicio
- Rexistros
- Pesca fresca e marisqueo
- Acuicultura
- Pesca conxelada
- De interese
Co desexo dunha boa singradura, aproveitamos a ocasión para invitalos a seguir as últimas novas da plataforma, agradecerlles as suxestións que desexen realizar con respecto a esta nova imaxe e a calquera outro contido do portal.