Novas e comunicacións

Plans de explotación marisqueira e de poliquetos 2014

31/12/2013

A Orde do 27 de decembro de 2013, pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2014 (DOG núm. 249 do 31 de decembro de 2013), establece o réxime necesario para que a explotación marisqueira en Galicia se realice, durante todo o ano, coas garantías dunha boa xestión do recurso.

Nela recóllense os plans aprobados ás entidades asociativas do sector para as autorizacións marisqueiras e para as zonas de libre marisqueo, así como as normas que rexen a extracción de moluscos nas zonas de libre marisqueo non suxeitas a un plan específico. Tamén recolle os plans de explotación aprobados ás entidades asociativas para a explotación de recursos específicos: percebe, equinodermos, solénidos (navalla/longueirón/longueirón vello), peneira, algas e anemones.

Por outro lado, no Diario Oficial de Galicia núm. 1 do 2 de xaneiro de 2014 publicouse a Orde do 27 de decembro de 2013, pola que se aproban os plans para a explotación dos poliquetos en Galicia para o ano 2014 e se regula o seu exercicio.

En ambas as dúas ordes establecese, na disposición derradeira primeira, que os datos básicos sobre os plans de explotación aprobados estarán dispoñibles na páxina web www.medioruralemar.xunta.es.

Para o obxecto de darlle cumprimento a esta disposición, a través dunha ligazón á Plataforma Tecnolóxica da Pesca, a Consellería do Medio Rural e do Mar ofrece as fichas que resumen os datos mínimos sobre os plans de explotación aprobados en Galicia ás entidades asociativas do sector para o 2014, tanto no ámbito do Plan xeral de explotación marisqueira como para a explotación de poliquetos, todo iso co estrito cumprimento dos requisitos de confidencialidade de datos dispostos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Ademais, tamén se publican a través desta páxina web os períodos autorizados para a extracción de determinados crustáceos (nécora, lumbrigante, lagosta, santiaguiño, cangrexo, conguito e patulate), así como as zonas reservadas nos plans de explotación para a captura de poliquetos por parte dos pescadores titulares de licenza de pesca marítima de recreo en superficie.

A información atópase accesible nesta ligazón.