Novas e comunicacións
Novas publicacións en PescadeGalicia
31/12/2018Ocupesca 2017
A enquisa sobre a poboación ocupada nos sectores da pesca e da acuicultura mariña en Galicia (Ocupesca) é unha operación estatística incluída no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018. Nace cos obxectivos de coñecer a ocupación nas unidades de pesca con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, coñecer a ocupación nas unidades de acuicultura radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia e avaliar a produción e as características económicas das unidades de produción da pesca extractiva e da acuicultura.
Nesta edición da enquisa danse a coñecer os resultados referidos á poboación ocupada nos buques con porto base en Galicia e nos establecementos acuícolas galegos durante o ano 2017, incidindo na súa distribución por sexos, idades, nacionalidade... Publícanse tamén os datos da facturación económica durante o mesmo ano 2017 das empresas que posúen establecementos acuícolas ou buques con porto base en Galicia.
Adiantase o contido desta publicación en versión web. Nas próximas semanas anexaráse a versión en pdf.
Plans de explotación marisqueira e de recursos específicos para o ano 2019
Marisqueo
O Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2019, publicado no Diario Oficial de Galicia o 31 de decembro do 2018, establece unha serie de normas para realizar a actividade extractiva do marisqueo, como por exemplo, épocas e días máximos de extracción e zonas de traballo.
A través deste Plan Xeral de Explotación Marisqueira a Consellería do Mar aproba un total de 94 plans de explotación. Deles, 47 corresponden ás autorizacións administrativas marisqueiras, 50 son plans específicos para as zonas de libre marisqueo.
Neste enlace pódense consultar as fichas, que resumen os datos mínimos sobre os plans de explotación aprobados e as zonas reservadas para a captura de poliquetos por parte dos pescadores de lecer nos plans de explotación para o ano 2019.
Recursos específicos
No Diario Oficial de Galicia do 27 de decembro de 2018 tamén se publicou a Orde do 20 de decembro de 2018 pola que se aproban os plans de xestión para recursos específicos en Galicia para o ano 2019. O obxecto desta orde é aprobar os plans de xestión de recursos específicos para o ano 2018 que foron elaborados polas entidades asociativas do sector.
A través destes plans a Consellería do Mar aproba un total de 149 plans de xestión. Deles, 37 son para a extracción de percebe e 24 para equinodermos. Ademais 25 son para a extracción de solénidos (navalla, longueirón, longueirón vello), 3 son para a extracción de peneira, 24 para algas e 15 para a extracción de anemona. Finalmente comentar que 21 plans autorizan á captura de poliquetos.