Novas e comunicacións

Publicación do Anuario de acuicultura mariña 2013

13/06/2014

Un ano máis poñemos á disposición o Anuario da acuicultura mariña en Galicia.

A recompilación e o procesado dos datos contidos nesta publicación realízase no ámbito da Plataforma Tecnolóxica da Pesca a partir da información proporcionada polos propios establecementos de acuicultura da Comunidade Autónoma, viveiros (tipo bateas, gaiolas e liñas de cultivo), parques de cultivo e granxas mariñas. Estes establecementos de cultivo transmiten as súas estatísticas de produción mensual de acordo co formato establecido na Orde do 9 de abril de 2008, pola que se establece o sistema de transmisión dos datos mensuais de produción de acuicultura.

Como en calquera publicación destas características, faise imprescindible a realización dun traballo posterior de revisión e validación das transmisións que implica unha fluída comunicación cos establecementos autorizados para a realización da primeira venda que permite a súa consolidación definitiva. Logo de realizar este traballo procedese á publicación anual de resultados que permite ofrecer un resumo da situación da comercialización das diferentes especies cultivadas en Galicia.

Nesta publicación do Anuario da acuicultura mariña en Galicia 2013, como en anteriores edicións, pódense atopar os datos da produción comercializada, en kg e euros, para os diferentes grupos biolóxicos cultivados (algas, bivalvos, cefalópodos e peixes) co detalle das diferentes especies e a súa comparativa respecto do 2012, así como a evolución dos últimos anos.

Trátase, pola súa importancia, de xeito específico a información referente á acuicultura do mexillón, e ofrécense as cifras por tipo de destino de comercialización (fresco ou industria), por distritos marítimos de produción, así como a comparativa da produción mensual nos últimos anos. Así mesmo, ofrécese información específica para o rodaballo e para o polbo.

A información ofrecida nesta publicación aparece recollida no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para 2014, tal e como recolle o Decreto 188/2013, do 19 de decembro.

A publicación atópase accesible nesta ligazón

.