Novas e comunicacións

Publicación dos plans de explotación marisqueira, de poliquetos e das reservas mariñas de interese pesqueiro para o 2015

21/01/2015

Marisqueo

O Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2015, publicado no Diario Oficial de Galicia o 31 de decembro do 2014, establece unha serie de normas para realizar a actividade extractiva do marisqueo e da recolección de algas; como por exemplo, épocas e días máximos de extracción e zonas de traballo.

A través deste Plan Xeral de Explotación Marisqueira a Consellería do Medio Rural e do Mar aproba un total de 212 plans de explotación. Deles, 46 corresponden ás autorizacións administrativas marisqueiras, 52 son plans específicos para as zonas de libre marisqueo, 35 son para a extracción de percebe e 19 para equinodermos. Ademais 26 son para a extracción de solénidos (navalla, longueirón, longueirón vello), 7 son para a extracción de peneira, 19 para algas e 8 para a extracción de anemone.

Poliquetos

En canto aos poliquetos -vermes mariños para cebo no litoral de Galicia- cabe destacar que no Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2015 mantense que as entidades asociativas do sector poden contemplar dentro do ámbito dos plans de explotación marisqueira zonas para que os titulares de licencias de pesca marítima de recreo en superficie poidan capturar un máximo de 50 poliquetos/día, sen interferir coa actividade extractiva.

No Diario Oficial de Galicia do 31 de decembro de 2014 tamén se publicou a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar para a extracción de poliquetos con carácter comercial. O obxecto desta orde é aprobar os plans de explotación para poliquetos (miñocas, fundamentalmente) para o ano 2015 que foron elaborados polas entidades asociativas do sector e regular as solicitudes e o prazo para a súa captura como cebo nas embarcacións de pesca.

Neste enlace pódense consultar as fichas, que resumen os datos mínimos sobre os plans de explotación aprobados e as zonas reservadas para a captura de poliquetos por parte dos pescadores de lecer nos plans de explotación para o ano 2015.

Reservas mariñas de interese pesqueiro para o 2015

Dende a creación das dúas reservas mariñas de interese pesqueiro existentes en Galicia polos decretos 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a dos Miñarzos, e 28/2009, do 29 de xaneiro, polo que se crea a de Ría de Cedeira, as actividades pesqueiras e marisqueiras permitidas nestas áreas desenvólvense no marco dos correspondentes plans de xestión integral.

Estes plans elabóranse a iniciativa dos representantes dos profesionais da pesca incluídos no ámbito destas zonas e as súas propostas son recollidas no seo dos seus respectivos órganos de xestión, seguimento e control, onde logo de someterse a debate e adoptarse os correspondentes acordos, envíanselle ao órgano competente da Consellería do Medio Rural e do Mar, Secretaría Xeral do Mar, que os resolve.

Unha vez aprobados os plans de xestión integral das reservas mariñas de interese pesqueiro Os Miñarzos e Ría de Cedeira para o 2015, póñense á disposición para a súa consulta ambos os dous tipos de documentos, plans e resolucións, a través desta ligazón.